Igualdade ofrece un servizo de teletraducción a 50 idiomas aos centros de información ás mulleres, ONGs e casas de acollida

A Secretaría Xeral envía esta semana unha comunicación a todas as entidades, para presentar este servizo e facilitar a súa adhesión ao mesmo.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a atención ás mulleres extranxeiras e minimizar o estrés producido na comunicación verbal pola barreira idiomática.

Listen to this page using ReadSpeaker

 Os 78 centros de información ás mulleres que constitúen a rede de CIMs de Galicia, as casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e as ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido, van poder incorporar un servizo de teletraducción a 50 idiomas, que lles ofrece gratuítamente a Secretaría Xeral da Igualdade.

Para presentar esta iniciativa, Igualdade está a enviar ao longo desta semana unha comunicación ás diferentes administracións locais e entidades, que poderán así adherirse a este servizo, que supón un avance cualitativo en resposta á diversidade poboacional motivada polo aumento da inmigración, o cal obriga á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. Despois de acreditar a utilidade deste servizo ao longo dun ano no Teléfono de Información á Muller, o departamento de Igualdade da Xunta de Galicia decidíu facelo extensivo a toda a rede de centros e entidades que prestan asesoría e servizo asistencial a mulleres.

A teletraducción está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia. A través desta plataforma de teletraducción, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.

O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atope, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

A Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades dun xeito gratuíto este servizo de teletraducción que garante a confidencialidade e estará operativo con carácter inmediato, unha vez que as entidades interesadas formalicen a súa solicitude.

1118 lecturas