Igualdade e a Asociación de Centros Homologados desenvolven un programa de información sociolaboral para mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero

A iniciativa, posta en marcha en 2009, obedece á necesidade de facer fronte á evolución crecente da porcentaxe de mulleres inmigrantes, especialmente extracomunitarias, que son vítimas de violencia de xénero.

Na edición do pasado ano participaron no programa 210 mulleres de 22 nacionalidades, maioritariamente brasileiras, marroquíes e colombianas.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de GaliciaA Secretaría Xeral da Igualdade vai subvencionar este ano cunha contía máxima de 30.000 euros un programa da Asociación de Centros Homologados, ACH, dirixido a mulleres inmigrantes, preferentemente vítimas de violencia de xénero, mediante o desenvolvemento de accións que melloren a súa accesibilidade ao mercado laboral. Este proxecto colaborativo, iniciado en 2009 en resposta á evolución crecente da porcentaxe de mulleres inmigrantes, especialmente extracomunitarias, que son vítimas de violencia de xénero, chega á súa cuarta edición en virtude do convenio asinado a pasada semana entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a ACH.

En consecuencia, ACH vai desenvolver no último trimestre deste ano un programa de información e sensibilización para mellorar a empregabilidade deste colectivo de mulleres, mediante unha oferta de accións que abranguen as catro provincias. Os contidos da oferta formativa están orientados a fomentar coñecementos e destrezas na busca activa de emprego, a informar dos fundamentos das políticas sociais relacionadas co emprego e a inmigración, das accións a emprender nos casos de violencia de xénero e a favorecer a cultura asociativa mediante redes de relación entre as mulleres participantes no programa.

A dinámica utilizada consiste na realización de obradoiros itinerantes, unha xornada presencial sobre información e inserción sociolaboral de carácter eminentemente práctico e técnicas de busca de emprego a través da rede. Na edición do pasado ano realizaronse sesións en 13 localidades das catro provincias, nas que participaron un total de 210 mulleres de 22 nacionalidades, maioritariamente brasileiras, marroquíes e colombianas.

ACH é unha entidade sen ánimo de lucro, sensibilizada coa igualdade de xénero, que desenvolve proxectos encamiñados á mellora da empregabilidade nos sectores onde a muller está infrarrepresentada ou nos sectores desfavorecidos de Galicia.

880 lecturas