Igualdade defende a aposta clara do Goberno galego polos centros de información ás mulleres.

En 2011 os CIM veranse reforzados grazas a participación en dou proxectos europeos para o promoción e dinamización dos centros de información ás mulleres, ademais do apoio económico de máis de tres millóns de euros por parte da Secretaría Xeral da Igualdade.

O proxecto europeo REDECIM ten como obxectivo a promoción de redes de intercambio, experiencias, resultados e boas prácticas dos centros de información ás mulleres de Galicia, Portugal e Castilla y León.

Crearanse plataformas de experimentación para o desenvolvemento conxunto de servizos, metodoloxías, ferramentas e produtos que fomenten a aprendizaxe mutua de novos enfoques e novos modelos de xestión e dinamización dos CIM.

Listen to this page using ReadSpeaker

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe o seminario “Igualdade social sen fronteiras”, que se desenvolve dentro do marco do proxecto europeo de dinamización dos centros de información ás mulleres, denominado REDECIM, no que participan a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, a Comissâo para a Cidadania e Igualdade de Género de Portugal, e a Dirección General de la Mujer da Junta de Castilla y León.

O proxecto REDECIM ten como obxectivo a promoción de redes de intercambio de información, experiencias, resultados e boas prácticas dos diferentes modelos de centros de información ás mulleres dos territorios participantes, así como a creación de plataformas de experimentación para o desenvolvemento do conxunto de servizos, metodoloxías, ferramentas e produtos que fomenten a aprendizaxe mutua de novos enfoques e novos modelos de xestión.

A secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia que os Centros de Información ás Mulleres (CIM) teñen para o goberno galego e para os concellos da nosa comunidade autónoma, xa que dende 1995, ano no que se creou o primeiro, se converteron “en verdadeiros centros neurálxicos das políticas de igualdade dos concellos, elaborando e implantando plans de igualdade nos respectivos municipios, fomentando a participación das mulleres en tódolos aspectos da vida municipal e sendo unha ponte entre as políticas autonómicas e as mulleres do territorio”.

Marta González defendeu “a aposta clara” do goberno galego por dinamizar e apoiar aos CIM e proba diso, dixo, “a pesares destes difíciles momentos de crise económica, a Xunta aposta por reforzar estas estruturas municipais e o fará con máis de 3 millóns de euros neste ano de 2011”.

Ademais, apuntou, o reforzo dos CIM tamén verá da man de dous proxectos europeos nos que participa a Secretaría Xeral da Igualdade. O primeiro deles, o proxecto CEDIM, de cooperación interrexional entre Galicia e o norte de Portugal, permitirá que nos próximos meses aos 78 centros que integran na actualidade a rede de CIMs se lle sumen tres máis, que terán a peculiaridade de poder ser compartidos pola poboación de ambos lados da fronteira .

Pero o reforzo dos CIM tamén virá da man do traballo conxunto realizado no proxecto REDECIM, no que participan activamente un número significativo de concellos, decidindo as actuacións a levar a cabo, presentando propostas e partillando boas prácticas co resto dos centros dos territorios vinculados a este proxecto: Portugal e Castilla e León.

De feito, no eido deste proxecto, xa está en marcha a Escola virtual da Igualdade, que facilita cursos de formación online específicos para o persoal destes centros. Así mesmo, estase traballando na protocolización dos procesos desenvolvidos polas profesionais destes centros, o que reverterá na mellora da calidade dos servizos prestados á cidadanía.

No marco do proxecto tamén se creará unha ferramenta para a xestión dos datos da actividade diaria, o que permitirá coñecer e avaliar máis rapidamente os resultados da labor realizada, e polo tanto mellorar o servizo de atención, información e asesoramento as mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade lembrou que “é moito o que un concello pode facer pola súa cidadanía, pola mellora da situación das mulleres, e pola consecución da igualdade de oportunidades” e os CIM son unha boa ferramenta para elo, xa que permiten dotar ás mulleres “de mellor información, de máis formación, de asesoramento específico, de oportunidades para a participación social, laboral, formativa... En definitiva a mellora dos CIM redunda na mellora das condicións de vida das mulleres”.

E para iso, dixo Marta González, “é fundamental a colaboración coas organizacións e asociacións de mulleres da comarca, pero tamén con centros ubicados noutros territorios, xa que a riqueza de experiencias, a estreita colaboración e a suma de esforzos nos axudara a conseguir unha sociedade que viva unha igualdade real, sen fronteiras, entre mulleres e homes”.

1498 lecturas