Igualdade concede este ano 2.234.077 € aos CIMs

Segundo informou Marta González onte na súa comparecencia na Comisión 5ª do Parlamento, as axudas están baremadas para incentivar a contratación indefinida de persoal e favorecer a incorporación de novos perfiles profesionais aos CIMs.

Amais do apoio económico, Igualdade ofrece este ano novos recursos aos CIMs para mellorar a atención que prestan, como un servizo de teletraducción a 50 idiomas ou a protocolización dos procedementos.

Listen to this page using ReadSpeaker

Incentivar a contratación indefinida e a incorporación de novos perfiles profesionais á rede de Centros de Información ás Mulleres de Galicia, CIMs, é o criterio que este ano marcou as axudas concedidas pola Secretaría Xeral da Igualdade a estes centros, tal e como sinalou esta mañá a súa titular, Marta González, na súa comparecencia na Comisión 5ª do Parlamento. As axudas concedidas este ano aos CIMs ascenden a un total de 2.234.077 €, no marco dunha convocatoria pública na que se valoran e bareman factores como a contratación de persoal, o carácter indefinido dos contratos e a incorporación de novos perfiles, tales como profesionais de animación sociocultural e axentes de igualdade. O obxectivo é ofrecer ás mulleres usuarias unha atención máis diversificada, “a través de accións que incentiven a participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social”, segundo destacou a secretaria xeral.

Complementariamente, as accións de Igualdade dirixidas aos CIMs este ano 2011 teñen, asemade, outras novidades, entre as que sobresae o servizo de teletraducción a 50 idiomas, ofertado non só aos 78 centros que constitúen a rede de CIMs de Galicia, senón tamén ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria no eido da atención a vítimas de trata e prostitución. Este servizo, que se oferta desde o pasado mes de setembro, está pensado, tal e como apuntou esta mañá Marta González no Parlamento, “para apoiar precisamente a esa poboación que ten maiores dificultades para o acceso aos recursos, motivado en boa medida polo descoñecemento do idioma, como é o colectivo de mulleres inmigrantes”. Esta plataforma permítelles un acceso seguro e confidencial aos recursos de atención psicolóxica, asesoramento xurídico e prestacións económicas.

O sistema de teletraducción facilita que as usuarias se comuniquen directamente cunha intérprete desde calquera centro no que se atopen ou ben a posibilidade do establecemento de chamada a tres, de modo que a usuaria se comunique coa persoa profesional da entidade na que se encontra sen necesidade de coñecer o idioma.

Amais, Igualdade está na fase final de desenvolvemento da protocolización dos servizos de asesoramento prestados desde os centros, tanto en atención psicolóxica como en asistencia xurídica, que incidirá directamente na mellora da eficacia e a sistematización da intervención que os CIMs ofrecen as mulleres.

Marta González anunciou que está previsto que a finais deste mes de outubro se implemente esta protocolozación na rede CIM de Galicia, co que se dará resposta á demanda do propio colectivo de traballadoras de ter un protocolo único de actuación. O proceso estáse a realizar en estreita colaboración cos centros das catro provincias para asegurar que a aplicación responde ás características e ás necesidades da súa dinámica de traballo e, consecuentemente, garantir a súa eficacia.

Tamén como novidade, a finais deste mes entrará en servizo unha ferramenta informática para o tratamento dos datos das atencións levadas a cabo en cada centro, que servirá para axilizar o traballo de intervención e ofrecer unha maior eficacia ás usuarias, e para dispoñer de estatísticas máis fiables en relación á atención desenvolvida nos CIMs.

793 lecturas