Igualdade estrea un servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia

É unha das novidades que incorpora o portal da Secretaría Xeral da Igualdade.

As consultas a este novo servizo poden ser complementarias das que se realicen presencialmente na rede de 78 CIMs distribuidos nas catro provincias.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Igualdade puxo a pasada semana en funcionamento un servizo de asesoramento xurídico online, accesible a través do seu portal web Mulleres en Galicia www.mulleresengalicia.es, onde se ofrecerá información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias, concebido como unha ferramenta moi útil considerando que un asesoramento axeitado constitúe o primeiro paso para saír dunha situación de violencia de xénero.

O obxectivo deste servizo é salvar as reticencias que se dan en moitos casos, especialmente no rural, de solicitar presencialmente asesoramento en materia de violencia de xénero e permitirá un primeiro achegamento á problemática para facer máis sinxela a derivación posterior cara ao recurso máis axeitado.

A consulta online facilitará ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axudará a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento. Son numerosos os casos de mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero que descoñecen os dereitos que as asisten, o xeito de abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso son determinantes para unha resposta xudicial máis efectiva.

O servizo xurídico online ofrecerá resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, garantindo o anonimato e a confidencialidade da usuaria. Clarexará cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado ou avogada e de procurador ou procuradora, ou as medidas urxentes que pode solicitar.

O novo sistema online ten, asemade, a funcionalidade de xerar un rexistro de información a partires dos datos relativos a cada consulta realizada, coa finalidade do seu posterior tratamento estatístico. Como resultado, disporase de información sobre parámetros como o número de consultas realizadas, temas obxecto de consulta, perfil das persoas usuarias, sexo, idade ou lugar de residencia.

As consultas a través deste servizo poden ser complementarias ás que se prestan de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia.

Renovación do portal
Este servizo xurídico online está enmarcado nunha serie de novidades que desde esta semana incorpora o portal de Igualdade, que inclúe unha aplicación de Google Maps que permite ás persoas usuarias localizar a ubicación dos CIMs e consultar todos os datos de contactos destes. O portal crea tamén novos espazos divulgativos, con microseccións para destacar perfís de mulleres que destacan como protagonistas da actualidade pola súa contribución profesional ou persoal á igualdade e frases que son relevantes polo seu simbolismo como referencia na igualdade de oportunidades.

A páxina incorpora asemade unha nova funcionalidade que permite a subscripción aos boletíns informativos que edita a Secretaría Xeral da Igualdade para a súa recepción electrónica, amais da consulta de todos os números publicados.

932 lecturas