Hoxe abre o prazo para depositar o voto nas oficinas consulares españolas

As e os residentes galegos no exterior que teñan solicitado o seu voto teñen ata as 20 horas do vindeiro día 12 (hora peninsular española) para facelo efectivo.

O voto tamén pode remitirse por correo certificado ata o vindeiro 11 de xullo
O voto tamén pode remitirse por correo certificado ata o vindeiro 11 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020.

Desde hoxe, todos aqueles galegos e galegas residentes no exterior que teñan solicitado o seu voto poden depositalo persoalmente, nun sobre dirixido á Xunta Electoral Provincial, na Oficina Consular correspondente.

O prazo para facer efectivo o voto permanecerá aberto ata o mesmo día das eleccións autonómicas galegas -o vindeiro domingo 12 de xullo-, e ata as oito da tarde (horario peninsular español). 

Xunto a esta emisión do voto de modo persoal nas oficinas consulares, as e os residentes no exterior dispoñen tamén dunha segunda vía: a posibilidade de envialo por correo certificado no sobre correspondente á Oficina Consular de España na que se atopen inscritas ou inscritos. Neste caso, teñen de prazo ata o sábado, 11 de xuño. 

Un total de 12.359 cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior solicitaron no seu momento o voto para participar nos comicios autonómicos. Por provincias, as solicitudes aceptadas corresponden a cidadás e cidadáns censados en A Coruña (4.609), Pontevedra (3.496), Ourense (2.818) e Lugo (1.436). 

E por países, a maioría proceden de Cuba (1.945), Suíza (1.773), Venezuela (1.720), Arxentina (1.444), Alemaña (1.195) e Francia (1.008).

Así mesmo, un total de 117 galegas e galegos temporalmente no exterior pediron tamén o voto para as eleccións do 12 de xullo.

En imaxes
251 lecturas