Galicia protagoniza unha intensa semana de actividades de promoción do libro galego na XXXVII edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires

O espazo promocional instalado pola Xunta de Galicia, en colaboración co Centro Galego de Bos Aires, ofrece a posibilidade de achegarse ás novidades dun total de 15 editoriais galegas. Ao longo desta semana, a delegación galega desenvolverá diferentes actividades co obxectivo de consolidar a presenza do libro galego no exterior.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou na primeira das actividades programadas, a presentación de O libro das Seniguais e o único Senigual, obra da escritora arxentina de orixe galega, María Rosa Lojo, editada en galego por Galaxia.

A directora de cultura da Fundación El Libro, organizadora da feira, agradeceu á Xunta a súa participación, á que cualificou “mellor cada ano”.

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de abril de 2011.

A Xunta de Galicia está a promover cun intenso calendario de actividades a presenza do libro galego na XXXVII edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, considerada como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica. En colaboración co Centro Gallego de Buenos Aires, a Xunta de Galicia instalou un espazo promocional de 40 m2 que está a servir para presentar as novidades dun total de 15 editoriais galegas: Galaxia, Everest, Kalandraka, Obradoiro gráfico, Biblos, Sotelo Balnco, Ir Indo, Baía edicións, Xerais, Ideas propias, Espiral maior, Linteo, Toxosoutos, Patito editorial e Oqo. Como material de promoción, distribúense os catálogos da edición galega, entre os que destaca o Catálogo do libro infantil e xuvenil –Galician Books for Childrens & Young People–, e folletos promocionais da Cidade da Cultura de Galicia. De xeito permanente, na pantalla do expositor de Galicia exhíbense vídeos relativos á infraestrutura cultural deseñada polo arquitecto estadounidense Peter Eisenman; á promoción de Galicia como destino turístico, a través da campaña Galicia, gárdasme o segredo?, e á conmemoración neste 2011 do Ano da Música de Galicia.

No marco da presenza institucional da Xunta de Galicia na trixésimo sétima Feira Internacional do Libro de Bos Aires, a Consellería de Cultura e Turismo do Goberno galego desenvolverá ata o vindeiro sábado unha serie de actividades para afondar a difusión da cultura e o libro galego na capital arxentina. Deste xeito, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, vén de participar na primeira das actividades programadas: a presentación de O libro das Seniguais e o único Senigual, da escritora María Rosa Lojo. A obra, editada por Galaxia, defínese como un suxestivo e curioso volume en formato álbum, dirixido a público de todas as idades e escrito por unha arxentina filla dun galego exiliado. O acto tivo lugar na Sala Alfonsina Storni da Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

Durante a presentación, a directora de actividades culturais da Fundación El Libro -encargada da organización da feira-, Nelly Espiño, tomou a palabra para gabar a calidade do libro presentado e do evento multimedia organizado para tal efecto. Así mesmo, agradeceu especialmente á Xunta de Galicia a súa presenza institucional cada ano e destacou a calidade das producións presentadas no seu espazo.

O director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, foi o encargado de presentar o libro, destacando a calidade literaria de María Rosa Lojo e poñendo de releve o novo formato utilizado na narración no libro. Segundo destacou, esta obra, publicada en galego e en Galicia para o público local, é o inicio dun proxecto que pretende crear unha rede de escritores galegos, fillos ou netos de emigrantes, que traballan no seu idioma e coa súa cultura arredor do mundo. Neste contexto, adiantou que existe o proxecto de crear un selo editorial de Galaxia en cada país onde haxa una forte presenza de emigración galega para permitir, ao tempo, rescatar a produción que se fai fóra das fronteiras galegas e achegar a literatura galega a todo o mundo.

María Rosa Lojo é considerada unha das voces literarias máis poderosas do mundo hispanoamericano e o seu vencello con Galicia vén de lonxe. No ano 2006 publicou en Galaxia A fin da terra. Neste libro -con reminiscencias afastadas aos Cronopios e Famas de Cortázar- a autora presenta un xogo lírico dunha estrema beleza arredor dunha especie (imaxinaria ou non, velaí un dos engados do libro), as seniguais, que existen por todo o mundo pero que teñen a súa orixe en determinadas figuras do imaxinario tradicional galego: as meigas, as bruxas, e as fadas dos bosques.

Galicia aparece con moita forza no libro, ao arrancar a acción de Fisterra e ao estar protagonizada por unha nena, Isolina, de orixe galega. Concibido narrativamente dende un punto de vista circular, a historia remata volvendo de novo a Fisterra e a Galicia. A obra pretende achegarse ao lector mediante unha frondosa lírica e imaxinación que, ademais de contarnos todo o que cómpre saber sobre estes enigmáticos seres, critica a violencia humana e o fanatismo; ofrecendo unha pluralidade de lecturas segundo o chanzo de idade dos lectores e lectoras que se acheguen ao libro. Os cativos lerán unha historia marabillosa sobre seres marabillosos. Os adultos serán quen de ver todo o que hai por debaixo e que a autora, sutilmente, quere transmitir.

O libro está ilustrado pola artista Leonor Beuter -filla de María Rosa Lojo- a toda cor, buscando tirar do prelo non só un libro fermoso senón unha obra de alta calidade literaria, artística e editorial. Nas súas ilustracións, enchoupadas do mesmo lirismo imaxinativo do texto, a artista recorre a unha técnica pictórica que lembra o punto de cruz.

Traxectoria das autoras
María Rosa Lojo (Bos Aires, 1954) é escritora e académica. Ten publicados vinte e tres libros de literatura e investigación. Entre os títulos de ficción, figuran as súas novelas A paixón dos nómades, A princesa federal, Unha Muller de fin de século, As libres do Sur, Finisterre, Árbore de familia e os contos Historias ocultas da Recoleta, Amores insólitos e Corpos resplandecentes, entre outros. Xunto á súa filla, a artista plástica Leonor Beuter, vén de publicar en lingua galega O Libro das Seniguais e do único Senigual .

Obtivo, entre outros, o Primeiro Premio de Poesía da Feira do Libro de Bos Aires (1984), Premio do Fondo Nacional das Artes en conto (1985), e en novela (1986), Segundo Premio Municipal de Poesía de Bos Aires, Primeiro Premio Municipal de Bos Aires Eduardo Mallea, en narrativa (1996), pola novela A paixón dos nómades. Recibiu varios premios á traxectoria: Premio do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), Premio Kónex ás figuras das Letras arxentinas (1994-2003), Premio Nacional Esteban Echeverría 2004, por toda a súa obra narrativa, a Medalla da Hispanidade (2009) e a Medalla do Bicentenario do Goberno da Cidade de Bos Aires (2010). A súa obra foi traducida ao inglés, italiano, francés, galego e tailandés.

Leonor Beuter (Bos Aires, 1983) é artista plástica e fotógrafa. Integra o colectivo de arte ENEBRA, que se dedica á intervención de espazos e realización de instalacións para un sitio especifico, como fixeran Como en Casa, 2010; Intervención ascensores Banco Central, 2010; Proxecto Obeliscos Bicentenario do Banco Cidade, 2010, entre outras.

1492 lecturas