A economía galega medrou un 0,2% no segundo trimestre

O PIB autonómico acumula cinco trimestres consecutivos con taxas interanuais positivas.

O crecemento interanual do sector servizos sitúase no 1,7%.

O índice de confianza do consumidor mellora 3 puntos respecto ao trimestre anterior.

Listen to this page using ReadSpeaker

A economía galega medrou un 0,2% no segundo trimestre do ano 2011 en relación ao primeiro, segundo os datos facilitados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Do informe publicado polo IGE, despréndese tamén que o PIB autonómico avanzou un 0,6% no último ano, co que Galicia acumula xa cinco trimestres consecutivos con taxas interanuais positivas.

Demanda
No segundo trimestre de 2011, a achega da demanda en termos nacionais ao crecemento do PIB foi de -2,2 puntos porcentuais, dúas décimas inferior á contribución do trimestre anterior. O gasto en consumo final presenta un descenso do 0,9%, unha décima superior ao rexistrado no trimestre anterior, o apartado da formación bruta de capital rexistra un descenso do 5,3%, coincidente co retroceso observado no trimestre precedente. A contribución do sector exterior é de 2,8 puntos porcentuais, a mesma que no trimestre anterior.

O gasto en consumo final dos fogares e institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares decrece un 1,7% no segundo trimestre de 2011, cinco décimas superior ao descenso que experimentou no trimestre anterior. A debilidade deste agregado reside sobre todo na atonía do mercado de traballo que diminúe a renda dispoñible. Indicadores de consumo que amosan un comportamento similar ao do agregado son: as matriculacións de turismos que rexistran neste trimestre un descenso superior ao do trimestre precedente e a renda salarial real calculada coa afiliación, o incremento salarial pactado en convenio e o IPC tamén acada un descenso superior ao do primeiro trimestre. En cambio o índice de vendas de comercio polo miúdo deflactado e corrixido de estacionalidade e calendario rexistrou no segundo trimestre de 2011 un descenso interanual (5,3%) 1,3 puntos menor ao rexistrado no trimestre anterior e o índice de confianza do consumidor presenta neste trimestre unha mellora respecto ao trimestre anterior de 3 puntos.

No mesmo período, a taxa de crecemento do gasto en consumo final das administracións públicas é seis décimas superior á taxa observada no trimestre anterior quedando no 1,2%, moi inferior aos crecementos superiores ao 4% dos anos anteriores a 2010.

A formación bruta de capital mostra un ritmo de caída igual ao do trimestre anterior, descendeu un 5,3% neste trimestre. A inversión en construción residencial rexistra un menor descenso que no trimestre anterior mentres que os datos de importación de bens de equipo, a matriculación de vehículos de carga e a produción industrial de bens de equipo indican un comportamento inverso: aumenta a caída interanual do trimestre anterior.

Como xa se comentou anteriormente, no segundo trimestre de 2011 a achega da demanda externa neta foi de 2,8 puntos, igual que a estimada no trimestre anterior. As exportacións presentan un crecemento do 6,6%, aumentando dous puntos o crecemento do trimestre precedente; as exportacións de bens e servizos a outros países elevaron fortemente o seu ritmo de crecemento e compensan a atonía da demanda do resto de España e a caída do gasto dos non residentes. Pola súa parte, as importacións creceron un 0,8%, o que supón un aumento de 1,6 puntos sobre o descenso do trimestre anterior.

Oferta
Dende a perspectiva da oferta, no segundo trimestre de 2011 os crecementos interanuais son positivos no sector primario e nos servizos. En sentido contrario, as ramas enerxéticas, industriais e a construción rexistran un crecemento negativo; as primeiras reducen o seu ritmo de descenso, as industriais regresan a taxas negativas e a construción continúa con taxas negativas similares ás de trimestres anteriores.

As ramas agraria, gandeira e pesqueira presentan un crecemento do 0,9%, cinco décimas por debaixo do crecemento do primeiro trimestre.

As ramas enerxéticas rexistran un decrecemento do 0,6%, 2,7 puntos por debaixo da caída do trimestre anterior. No caso das ramas industriais acádase unha taxa de variación interanual inferior en 4,1 puntos á taxa do trimestre anterior, mostrando un rexistro do -3,4%; no índice de produción industrial destas ramas apréciase unha evolución similar.

A taxa de crecemento do sector da construción foi do -3,9%, unha décima inferior ao crecemento rexistrado no trimestre anterior. A edificación residencial mellora a taxa interanual do primeiro trimestre de 2011, a non residencial presenta unha maior caída que a rexistrada no trimestre anterior e a licitación oficial en obra civil rexistra un descenso similar ao do trimestre precedente.

Por último, neste trimestre o sector dos servizos presenta un crecemento interanual do 1,7%, o que implica un crecemento dúas décimas superior ao do trimestre precedente. Os servizos de mercado minoran unha décima a súa taxa interanual acadando un crecemento do 1,7%. Os servizos non de mercado creceron un 1,4%.

Emprego
O emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, decreceu no segundo trimestre deste ano un 1,3%, o que supuxo un descenso de 12.114 postos de traballo equivalentes nun ano.

Atendendo ás ramas de actividade cómpre destacar que os maiores descensos prodúcense nas ramas da construción e nas industriais; os servizos de mercado e as ramas enerxéticas descenden a redor dun 1,0%. As ramas de servizos non de mercado e as agrarias e pesqueira presentan crecementos positivos.

As ramas agraria e pesqueira mostran un crecemento interanual do 0,6% no segundo trimestre do ano, as ramas enerxéticas rexistran unha caída do 1,2%, 1,1 puntos inferior ao descenso do trimestre precedente e as industriais caeron un 3,0%, sete décimas menos que o descenso do trimestre anterior. A construción acada un decrecemento do 8,0%, dúas décimas superior ao descenso rexistrado no primeiro trimestre.

Os servizos de mercado minoran o decrecemento do trimestre anterior en sete décimas, quedando situada a taxa no -1,0%. Os non de mercado experimentan un crecemento interanual do 1,6%, dúas décimas inferior ao crecemento do trimestre anterior.

Distinguindo por situación profesional, o emprego asalariado, en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, amosou neste trimestre unha taxa de variación interanual do -1,4%, dato que supón unha diminución de 9.823 postos de traballo asalariados a tempo completo nun ano.

Considerando de forma conxunta o crecemento do PIB trimestral e o do emprego, a variación interanual da produtividade aparente do factor traballo sitúase no 2,0%, cinco décimas menos que a variación rexistrada no trimestre anterior.

 

Táboas cos datos do Produto Interior Bruto, a demanda, a oferta e o emprego

805 lecturas