A Galicia actual e moderna espallarase de novo por todo o mundo co alumnado de ‘Escolas Abertas’, cuxa convocatoria sae hoxe publicada
Por petición das propias comunidades galegas, ás habituais disciplinas de gaita, baile, percusión, canto e confección, engádese este ano a formación de persoal directivo, fundamental para o relevo xeracional en moitas delas.
A través dos en torno a 2.000 alumnos e alumnas que teñen pasado polas distintas edicións do programa, decenas de milleiros de galegos e galegas no mundo benefícianse da actualización de coñecementos e experiencias.
Con esta formación especializada, as e os alumnos, á súa vez formadores en comunidades galegas de todo o mundo, fortalecen os vínculos coa terra de orixe das xeracións nadas xa na diáspora.
Oitenta galegos e galegas residentes no exterior accederán nesta edición de 2017 a formación especializada na Galicia territorial.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas presenciais destinadas ás comunidades galegas e persoas, galegas e residentes fóra da Galicia territorial, para o ano 2017.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, polo que remata o 3 de maio. Nesta edición de 2017, son 80 as prazas ofertadas. Delas, 62 destínanse a galegas e galegos residentes en países de América e resto do mundo, e especificamente 18 resérvanse para persoas galegas que viven en países europeos distintos a España.
Trátase dun programa que espallará a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.
Estratexia de país
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así ás cidadás e aos cidadáns da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.
Desta maneira, con esta formación especializada e permanente renovada, as e os alumnos de Escolas Abertas, que son á súa vez formadores en comunidades galegas de todo o mundo, fortalecen os vínculos das xeracións nada xa na diáspora coa terra de orixe. Estas xeracións son unha riqueza fundamental para a proxección e despegue económicos e demográficos de Galicia, polo que o fortalecemento deses vencellos é unha estratexia de futuro para o país.
Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2017 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, confección de traxe tradicional galego, e obradoiro de formación de persoal de dirección.
Unha disciplina nova
Cómpre sinalar que esta última disciplina impártese por primeira vez, e para beneficiarios e beneficiarias de entre 25 e 33 anos, e debido á alta demanda por parte das propias comunidades galegas, que a consideran un paso fundamental para fomentar e facer realidade a remuda xeracional en moitas delas.
O secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, destaca que “unha das chaves fundamentais para manter a ligazón e compromiso entre Galicia e os seus cidadáns da diáspora, tanto os nados na Galicia territorial como no Exterior, é a formación en materias relacionadas coa nosa maneira de ser e vivir, e tamén coa realidade e necesidades das propias comunidades galegas”.
Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a dúas mil persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.
Novas relacionadas






