Aberto o prazo de solicitudes para a inscrición en ‘Escolas Abertas’, o programa de Emigración que espalla Galicia por todo o mundo
Milleiros de galegas e galegos no mundo benefícianse, a través das e dos 800 alumnos que teñen pasado polas distintas edicións do programa, da actualización de coñecementos e experiencias en distintas disciplinas relacionadas coa cultura galega.
Noventa cidadás e cidadáns residentes no exterior accederán a formación especializada en gaita, baile, percusión, canto e confección, para despois divulgala nos seus países de residencia.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas presenciais destinadas ás comunidades galegas e persoas, galegas e residentes fóra da Galicia territorial, para o ano 2016.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, polo que remata o 12 de marzo. Nesta edición de 2016, consolídase a cifra de prazas ofertadas, que vén sendo a habitual en anos anteriores, noventa en total. Delas, está previsto que 21 se acheguen desde países europeos, e as e os 69 restantes desde outros do resto do mundo.
Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.
Formación de formadores/as
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores e formadoras nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.
Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “unha das chaves fundamentais para manter a ligazón e compromiso entre Galicia e os seus emigrantes, e sobre todo cos descendentes destes, é a formación en materias fortemente relacionadas coa nosa maneira de ser, coa nosa maneira de vivir. A formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, fornece, espalla e fortalece a nosa cultura a decenas de milleiros de alumnas e alumnos por tódalas comunidades galegas do planeta”.
Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 800 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.
Modalidades
Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2016 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.
Novas relacionadas




