Miranda e Rozas inauguran a edición de 2015 de ‘Escolas Abertas’, o programa de Emigración que espalla Galicia por todo o mundo

A convocatoria adiantouse este ano respecto a edicións anteriores, co obxectivo de axilizar a tramitación administrativa e dar máis tempo á planificación previa das beneficiarias e beneficiarios.

Oitenta cidadás e cidadáns residentes no exterior acceden desde hoxe á formación especializada en diversas áreas, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual.

  • Miranda (no centro da imaxe) e Rozas (á súa dereita) durante o acto de inauguración
    Miranda (no centro da imaxe) e Rozas (á súa dereita) durante o acto de inauguración
  • Imaxe do acto de inauguración da edición de 2015 do programa 'Escolas Abertas', celebrado na Residencia Xuvenil Lug II da Cidade das murallas
    Imaxe do acto de inauguración da edición de 2015 do programa 'Escolas Abertas', celebrado na Residencia Xuvenil Lug II da Cidade das murallas
  • Imaxe do acto de inauguración da edición de 2015 do programa 'Escolas Abertas', celebrado na Residencia Xuvenil Lug II da Cidade das murallas
    Imaxe do acto de inauguración da edición de 2015 do programa 'Escolas Abertas', celebrado na Residencia Xuvenil Lug II da Cidade das murallas
Listen to this page using ReadSpeaker
Lugo / Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo delegado provincial en funcións da Xunta en Lugo, José Manuel Rozas, inauguraron esta mañá na Residencia Xuvenil Lug II a edición de 2015 do programa ‘Escolas Abertas’, destinado ás comunidades galegas e persoas galegas e residentes fóra da Galicia territorial.
A convocatoria deste ano tense adiantado un mes respecto do pasado ano, co obxectivo de facer o máis áxil posible a tramitación das solicitudes, e tamén para outorgar máis tempo aos beneficiarios e beneficiarias, e ás e aos seus docentes, para a planificación da viaxe e das actividades a desenvolver.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadoras e formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das persoas participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Efecto multiplicador
Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa máis de 700 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.

1622 lecturas