Publicada a convocatoria para 2014 de ‘Escolas Abertas’, o programa de Emigración que espalla Galicia por todo o mundo

Noventa cidadás e cidadáns  residentes no exterior accederán á formación especializada en diversas áreas, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas presenciais destinadas ás comunidades galegas e cidadáns galegos e galegas residentes fóra da Galicia territorial para o ano 2014.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores e formadoras nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes. Nesta edición de 2014, consolídase a cifra de participantes do pasado ano, noventa en total, das e dos que está previsto que 20 se acheguen desde países europeos, e as e os 70 restantes desde outros lugares do resto do mundo.

Efecto multiplicador
Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 600 persoas.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2014 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Esta última materia impártese por segundo ano, despois dunha experiencia pioneira no pasado exercicio con elevado éxito, e que rexistrou novamente unha alta demanda. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.

1961 lecturas