Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, afirma en Pontevedra que a incorporación á sociedade galega dos retornados está a xerar un gran pulo na innovación dixital dos procesos industriais.

O programa de axuda a emprendedores retornados está aberto ata o 30 de setembro e contempla este ano apoios económicos para a posta en marcha de novos negocios pero tamén unha liña especial de reforzo covid co obxectivo de  apoiar aos emprendedores retornados polos efectos da pandemia.

  • Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
    Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
  • Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
    Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
  • Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
    Un galego retornado apoiado pola Xunta crea un proxecto que desenvolve “Sistemas Intelixentes Integrados”, base da Industria 4.0
Raul Lois Carro - Axudas ó retorno emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Pontevedra, 15 de xullo de 2021.

O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello de Pontevedra para coñecer o proxecto empresarial dun emigrante galego retornado da Alemaña, que puxo en marcha un proxecto que desenvolve “sistemas intelixentes integrados”, base da industria 4.0 xerando innovación dixital nos procesos industriais.

Raul Lois Carro retornou de Alemaña en 2020, tras sete anos traballando nunha empresa dedicada ao sector espacial onde desenvolvía instrumentos de medida para satélites. En Pontevedra puxo en marcha unha empresa de sistemas embebidos, actividades que integran a súa experiencia no país teutón e  que ten como obxectivo incorporar un pequeno software a un equipo convencional, definir a arquitectura do sistema, o seu deseño e a súa posterior implementación, posta en marcha e verificación. Deste xeito, este equipo convértese nun dispositivo intelixente e adquire capacidade para comunicarse con outros equipos.

“Trátase dunha parte fundamental de sectores como a industria 4.0, internet ou a visión artificial”, explicou Lois Carro, “e atópase presente en case todos os obxectos que usamos cotidianamente como os equipos médicos, os reloxos intelixentes, a demótica ou os asistentes de voz como Siri ou Alexa”.

Para a posta en marcha da súa firma contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 5.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Raul Lois, de alta cualificación profesional, aportando innovación e traendo a nosa terra os contactos e coñecementos adquiridos, creando unha iniciativa de gran valor engadido”. De feito, segundo explicou o responsable do proxecto, Lois Engineering quere aportar ao mercado galego un produto que fomentará que xurdan outras iniciativas neste sector en Galicia. 

Antonio Rodríguez Miranda tamén destacou a iniciativa deste galego retornado que, ademais, está a aproveitar a oportunidade que a Fundación Ronsel está a ofrecer, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, aos emprendedores que se apuntaron no programa Merlo de mentoría para novos negocios, e que está a aportar aos integrantes da iniciativa ferramentas para implementar as súas firmas e impulsar os seus proxectos.

Orzamento de 800.000 euros

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que continua aberta esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

1087 lecturas