Un emigrante galego retornado aproveita a súa experiencia en Suíza para por en marcha un obradoiro de reparación de reloxos en Abadín apoiado pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do alcalde da localidade, José María López Rancaño, visitaron esta mañá o concello lucense.

En 2020 beneficiáronse destas achegas un total de 94 novas e novos empresarios, dos que 6 son veciños dalgún concello da provincia. 

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados  que crearon proxectos empresariais con axuda de Emigración.

  • Imaxe da visita desta mañá a Abadín (Lugo)
    Imaxe da visita desta mañá a Abadín (Lugo)
  • Imaxe da visita desta mañá a Abadín (Lugo)
    Imaxe da visita desta mañá a Abadín (Lugo)
Listen to this page using ReadSpeaker
Abadín (Lugo), 22 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello de Abadín para coñecer o proxecto empresarial dun emigrante galego retornado de Suíza que aproveitou a súa experiencia profesional para por en marcha un obradoiro de reparación de reloxos apoiado por unha axuda deste departamento autonómico.

Na visita, Rodríguez Miranda estivo acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como do alcalde da localidade, José María López Rancaño.

José Armando Chao Gil retornou de Suíza en 2019 e puxo en marcha un obradoiro de reparación e restauración de reloxos e venda de bixutería no casco urbano de Abadín. Para a posta en marcha deste negocio contou en 2020 cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 7.000 euros, a través da liña de axudas a emprendoras e emprendedores retornados.  

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das galegas e galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles no rural, e algúns incluso xerando postos de traballo”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que acaba de abrirse esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados e retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

En 2020 a provincia de Lugo contou con 6 persoas beneficiadas por estas axudas, 4 na capital da provincia, outro en Ribadeo e este retornado da Suíza en Abadín.    

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

673 lecturas