Un galego e unha galega de Montevideo recibiron os premios «Vixía» da diáspora

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de agosto de 2011.

Roxelio Martínez e Balbina Barreira son dous galegos residentes na cidade uruguaia de Montevideo que grazas á súa loita polos dereitos dos emigrantes recibiron este verán o premio Vixía da diáspora que recoñece o seu labor no mantemento da memoria do patrimonio cultural.

Roxelio Martínez Barreiro (Cesantes, Redondela, 1923) embarcou cara a Bos Aires en 1941 dende o Cabo de Fornos; ao chegar a América foi mariñeiro e, posteriormente, empresario do sector papeleiro, fabricando pezas para as máquinas de escribir Cin-Ma. Foi un dos fundadores do Padroado da Cultura Galega. Dirixiu o semanario España Democrática e foi un significativo loitador antifranquista no marco da Casa de España en Uruguai. Roxelio considera os galegos "como unha peza básica na cultura democrática de Uruguai". A día de hoxe é o especialista máis destacado no ámbito da investigación sobre o exilio republicano.

Balbina Barreira Cousillas (Canduas, Cabana de Bergantiños, 1906) é unha muller de case 105 anos. Unha emigrante que en 1928 marchou dende o porto da Coruña cara a Uruguai a bordo do barco Cabo de Boa Esperanza. Filla de emigrantes, buscando un futuro mellor chegou soa a Montevideo, onde coñeceu a Xosé Bello con quen casou e tivo unha filla.

A decisión do xurado do premio foi tomada por unanimidade da Xunta Directiva de Alba de Groria valorando a necesidade de "dar a coñecer historias de vida como as de Roxelio e Balbina".

1245 lecturas