A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega reforzarán a dixitalización de fondos de sociedades do exterior

No marco da reunión entre os representantes de ambas entidades fíxose un balance das actividades desenvolvidas en colaboración ao longo deste ano.

Antonio Rodríguez Miranda e Rosario Rosario Álvarez, durante a reunión celebrada na sede do CCG
Antonio Rodríguez Miranda e Rosario Rosario Álvarez, durante a reunión celebrada na sede do CCG
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodíguez Miranda revisaron as actuacións conxuntas para o coñecemento e divulgación da emigración galega no marco da xuntanza que mantiveron na sede do CCG. A dixitalización dos fondos de sociedades de emigrantes, así como os referentes aos procesos de emigración galega centrarán as liñas de acción para os vindeiros meses. 

No marco da xuntanza fíxose un balance das actividades desenvolvidas entre ambas entidades e que van desde os proxectos de difusión como o especial dixital Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais do Arquivo da Emigración Galega, ata xornadas como “Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX): A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca” desenvolvida o pasado 16 de novembro  ou “Musealizar a arte do exilio galego” realizada o 25 de outubro.

Entre as actividades conxuntas máis recentes está a organización de Materiais Seoane que, en colaboración co Museo Larreta, presenta unha representativa selección de xilografías, óleos, cerámicas, serigrafías, obra téxtil, revistas, libros, carteis ou tapas de discos, e dá conta dos camiños e da diversidade experimental da produción de Luís Seoane. No apartado expositivo posibilitáronse novas itinerancias de mostras como “Inventio Mundi, Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII”, “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia” ou “O soño cubano da emigración galega”, mostras organizadas polo CCG que axudan a entender, contextualizar e coñecer a importancia que tivo a emigración galega. Ademais, tamén se fixo unha revisión dos traballos de documentación e deseño para a vindeira exposición da institución que se centrará en visibilizar a presenza galega no Reino Unido.

Outra das liñas de acción conxunta é a edición de novos números da colección editorial Clásicos da emigración galega, nada para rescatar en edición facsímil e comentada dunha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

392 lecturas