O Consello da Cultura Galega renova o web do Arquivo da Emigración Galega

Así mesmo, o pasado venres asinouse o acordo polo que os fondos documentais dixitalizados do escritor Silvio Santiago pasarán ao Arquivo da Emigración Galega.

Listen to this page using ReadSpeaker

Imaxe do novo web do Arquivo da Emigración Galega.Co obxectivo de facilitar o acceso aos diversos contidos producidos polo Arquivo da Emigración Galega (AEG), o Consello da Cultura Galega fixo público onte o novo web deste departamento. O novo web facilita a visualización dos contidos sobre emigración producidos polo AEG e o Consello da Cultura e prepara o espazo para a incorporación, nos vindeiros meses, de moitos contidos dixitalizados da memoria da nosa emigración.

Os fondos documentais dixitalizados do escritor Silvio Santiago pasarán ao Arquivo da Emigración Galega
O fondo documental dixitalizado do arquivo persoal de Silvio Santiago (Vilardevós-Ourense, 1903-Santiago de Compostela, 1974) pasará ao Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, segundo o acordo asinado por Silvia Santiago, filla do escritor e o presidente da institución, Ramón Villares. O fondo agrupa 3.378 imaxes, máis de mil cartas, fotografías, documentos sonoros e textos inéditos do dirixente político e societario, republicano e galeguista, empresario, activista cultural, impulsor de medios de comunicación e escritor, autor de obras como Vilardevós ou O silencio redimido. Unha emocionada Silvia Santiago agradeceu ao CCG “a oportunidade de abrir as portas á memoria de meu pai”. Ramón Villares expresou o recoñecemento da institución por “este acto de xenerosidade e exemplar contribución á cultura galega”.

Ao acto, celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, asistiron tamén Lidia e Silvio, fillos de Silvia Santiago, quen subliñou na súa intervención a personalidade xenerosa e solidaria do seu pai e “a súa permanente disposición para traballar ao servizo de Galicia”. A herdeira do fondo documental, agarimado e coidado sempre pola familia, expresou o seu agradecemento ao Consello da Cultura porque, coa dixitalización xa iniciada, “poderase facer maior xustiza ao gran labor feito por meu pai como escritor e como organizador de mil historias desde a súa casa de exiliado en Caracas-Venezuela”.

Afonso Vázquez Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, cualificou o fondo documental como “unha contribución moi importante para a propia memoria e xusta valoración do persoeiro que o formou, Silvio Santiago, e para o mellor coñecemento da actividade dos galegos en Venezuela -onde Silvio viviu exiliado durante 25 anos- e das súas relacións con Galicia”.

Do fondo documental destacou as 1.042 imaxes de cartas dirixidas a 72 destinatarios entre 1938 e 1972, coa particularidade de que en moitos casos Silvio Santiago conservou copia das cartas enviadas xunto coas recibidas. O epistolario reúne cartas de Castelao, Otero Pedrayo (261), Francisco Fernández del Riego (102), Ramón Piñeiro, Rodolfo Prada, Camilo José Cela ou Eduardo Blanco Amor. Salientou tamén, entre outros aspectos do fondo, a recompilación de 39 documentos sonoros e diferentes textos inéditos, propios do escritor, como A caracola Terceira, e doutros autores.

 

Fonte: Consello da Cultura Galega | Foto: Consello da Cultura Galega

1061 lecturas