Francisco Leiro volve á rúa 57

O escultor cambadense presenta en Nova York a súa primeira exposición individual na cidade da Gran Mazá dende o 2003.

Francisco Leiro, ante as obras expostas na sala Marlborough. Foto: V. Toro.
Francisco Leiro, ante as obras expostas na sala Marlborough. Foto: V. Toro.
Listen to this page using ReadSpeaker
Nova York, 11 de xaneiro de 2013.

O escultor Francisco Leiro (Cambados, 1957) inaugura exposición nunha das galerías máis importantes de Nova York, é dicir, do mundo, a sala Marlborough da rúa 57. En pleno corazón de Manhattan, a dous pasos de Central Park e da Quinta Avenida, no epicentro do mercado da arte e nunha noite de xaneiro inusualmente cálida para o que son os invernos da Gran Mazá, as vinte pezas saídas da trencha do artista galego enfróntanse á crítica máis dura, a da cidade que nunca dorme.

«Nova York é o grande escaparate. Eu levo 25 anos expoñendo aquí e cada vez que veño estou preocupado. Sempre me parece que é a primeira vez». Esta é a primeira exposición individual do escultor na cidade dende o 2003. E Leiro define o que significa enfrontarse a Nova York: «Esta cidade está sempre a renovarse e o que fixeses fai só catro anos case está esquecido».

O de Cambados coñece ben a cidade porque viviu nela durante moitos anos e aínda mantén o seu estudo en Tribeca, o barrio bohemio ao lado do Soho. Pero dende que deixou Nova York, hai uns dez anos, Leiro reparte o seu tempo entre Cambados e Madrid. Precisamente no seu estudo da capital é onde deu forma ás esculturas que agora poden contemplarse en Manhattan. «O núcleo da exposición son catro figuras de dous metros -explica- e todas elas son personaxes relacionadas co mundo produtivo, co mundo do traballo, pero que, ao mesmo tempo, non fan nada concreto, están parados nun instante». «Mira esa figura das máscaras, estase a atar un zapato pero é coma se de súpeto descubrise algo, que todos levamos moitas máscaras distintas,» sinala.

Na inauguración, as esculturas, chegadas en barco dende España mesturábanse coas persoas convidadas, entre elas as galegas e os galegos Cristina Pato, Juan Padrón, Octavio Vázquez, Miguel Saco, Antonio Murado e Antón Reixa.

 

Fonte e foto: La Voz de Galicia

1014 lecturas