Feijóo valora o interese do Goberno mexicano por participar en outubro na Comunidade nunhas xornadas para intensificar o investimento entre México e Galicia

O presidente da Xunta reuniuse co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo.

Resalta que este encontro dará continuidade ao Foro de Oportunidades de Investimento celebrado onte en Cidade de México.

Constata o interese por intensificar os canles de diálogo institucional que permitan consolidar novas oportunidades.

Ve no principio de acordo para renovar o Tratado de Libre Comercio entre a UE e México unha alianza clave para Galicia, ao supoñer un incremento das exportacións en eidos como o lácteo e os seus derivados.

“E tamén avaliamos o interese que ten México por ampliar as súas compras de barcos nos próximos anos”, di.

Resalta outros sectores onde ambas economías comparten intereses como a automoción, o aeronáutico, o farmacéutico, o agroalimentario ou o contract.

Subliña que país azteca é hoxe un destino consolidado no mapa das exportacións galegas, que se incrementaron nos dous últimos anos máis dun 70%. Ademais de ser o país de Latinoamérica que máis produtos galegos está comprando.

  • O presidente da Xunta reuniuse co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
    O presidente da Xunta reuniuse co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
  • O presidente da Xunta reuniuse co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
    O presidente da Xunta reuniuse co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
Listen to this page using ReadSpeaker
Cidade de México, 3 de maio de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou o interese do goberno mexicano por participar en outubro nunhas xornadas, na Comunidade, para intensificar o investimento entre México e Galicia. Un encontro empresarial onde se presentarán ás oportunidades de comercio e investimento entre ambos territorios e que dará continuidade ao Foro de Oportunidades de investimento celebrado onte en Cidade de México.

Tras unha xuntanza mantida onte ás 17:30 hora local (00:30 hora en Galicia) co secretario de economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo, Feijóo constatou o interese por intensificar as canles de diálogo institucional que permitan consolidar novas oportunidades de investimento mutuo, aínda máis cando fai tan so unhas semanas que a UE e México selaron un principio de acordo para renovar o Tratado de Libre Comercio. Un alianza clave para Galicia e que supón incrementar as exportacións en eidos como o lácteo e os seus produtos derivados.

“E tamén avaliamos o interese que ten México por ampliar as súas compras de barcos nos próximos anos”, engadiu, referíndose á estreita relación que Galicia mantén co país azteca neste campo, a través dos investimentos do Goberno mexicano no estaleiro vigués Barreras e, tamén, a través das relacións coa mariña mexicana e con outras grandes empresas mexicanas para a construción de barcos na Comunidade.

Durante a reunión, Feijóo e Ildefonso Guajardo analizaron ademais outros sectores onde ambas economías comparten intereses como son: a automoción, o aeronáutico, o farmacéutico, o agroalimentario ou o contract, así como o naval.

Non en van, o país azteca é hoxe un destino consolidado no mapa das exportacións galegas, que se incrementaron nos dous últimos anos máis dun 70%, con máis de 500 empresas que venderon os seus produtos neste país en 2017. Ademais de ser o país de Latinoamérica que máis produtos galegos está comprando.

Por último, o responsable do Goberno galego quixo, tamén, na xuntanza, trasladar unha vez máis a solidariedade de todos os galegos e galegas despois do terremoto que sacudiu o país fai oito meses.

655 lecturas