Feijóo transmite o desexo de que as casas de Galicia de todo o mundo vivan o Xacobeo porque son “as nosas mellores embaixadas”

Salienta que o próximo Ano Santo será unha festa sen fronteiras, tendo en conta que hai galegas e galegos repartidos por 137 países do mundo: “É imposible que non se trate dun acontecemento global”, di.

  • O presidente da Xunta participou na clausura do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria e foi distinguido como Socio de Honra do Centro Galego de Santander
    O presidente da Xunta participou na clausura do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria e foi distinguido como Socio de Honra do Centro Galego de Santander
  • O presidente da Xunta participou na clausura do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria e foi distinguido como Socio de Honra do Centro Galego de Santander
    O presidente da Xunta participou na clausura do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria e foi distinguido como Socio de Honra do Centro Galego de Santander
Listen to this page using ReadSpeaker
Santander (Cantabria), 14 de decembro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu hoxe o desexo da Xunta e do conxunto da Comunidade Autónoma de que as casas de Galicia de todo o mundo vivan o próximo Xacobeo porque son, dixo, “as nosas mellores embaixadas”.

“Queremos que trasladen a ilusión por esta cita histórica”, porque nelas “se conserva e desenvolve a cultura galega fóra de Galicia e fóra de España”, salientou Feijóo durante a clausura do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria (1919-2019), celebrada no Centro Gallego de Santander, onde ademais foi distinguido como Socio de Honra.

O titular do Executivo autonómico lembrou que hai uns días asistiu en Santiago de Compostela ao Pleno do Consello de Comunidades Galegas, onde lles pediu ás e aos asistentes que foran embaixadores do Xacobeo, un desexo que reiterou ás casas de Galicia, pois o próximo Ano Santo será unha festa sen fronteiras, tendo en conta que hai galegas e galegos repartidos por 137 países do mundo. “É imposible que non se trate dun acontecemento global”, abundou.

Así mesmo, durante o acto que tivo lugar no centro galego que leva o nome Airiños da Terra, subliñou que entidades coma esta son embaixadas que “van a favor de todos”, porque permiten aos galegos e galegas construír un fogar no que conservar as súas tradicións, ademais de ser “monumentos á convivencia”, que demostran que as culturas poden dialogar, crecer xuntas e complementarse.

“Hoxe celebramos as sensacións que compartiron galegos de distintos puntos e de diversas xeracións ao atopar aquí a súa casa”, engadiu Feijóo, e concluíu que este centro galego é “exemplo dunha galeguidade tenaz que tamén busca o seu sitio aquí en Santander, en Cantabria”, sempre coa vocación de “proxectar Galicia”, como agarda que sigan a facer co Xacobeo 2021.

377 lecturas