Miranda destaca o Centenario da Casa de Galicia en Cantabria como exemplo do “tesón, a constancia e a case infinita capacidade de traballo dos galegos”
O secretario xeral da Emigración foi o encargado de dar o pregón que abriron as Festas de Santiago, dando inicio á celebración dos cen anos de vida da entidade.
O responsable do departamento autonómico, quen recibiu a insignia de ouro da entidade, subliña que “Galicia ten dous retos”: o demográfico, “para o que contamos cos miles de galegos espallados polo mundo”; e o Xacobeo 2021, do que os convidou a ser “divulgadores e embaixadores”.
O titular de Emigración do Goberno galego resalta o labor dun centro con máis de 200 persoas asociadas e unha intensa “actividade cultural”.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no inicio das Festas de Santiago 2019, que acolle o Centro Galego de Santander como punto de partida do Centenario da Casa de Galicia en Cantabria. Neste marco, durante o seu pregón, o responsable do departamento autonómico puxo estes cen anos como exemplo do “tesón, a constancia e a case infinita capacidade de traballo dos galegos”.
“Se algo nos identifica aos galegos é a nosa capacidade de superación, de afrontar retos con máis ou menos serenidade, pero sempre co convencemento de que o deber está por riba dos medos”, proseguiu o secretario xeral, quen subliñou que “Galicia ten ante si dous retos: o demográfico e o Xacobeo 2021”.
Para afrontar o primeiro, o titular de Emigración do Goberno galego salientou que a comunidade autónoma conta “cun arma secreta”, en referencia aos “centos de miles de galegos que estamos espallados por todo o mundo, estendendo as nosas fronteiras e facendo patria alá onde imos”.
En canto ao Xacobeo 2021, o secretario xeral da Emigración convidou ao Centro Galego de Santander a aproveitar o seu centenario para facer de “divulgador e embaixador”. “O Xacobeo é xa imparable, como o é Galicia e como o foron, desde sempre, os galegos. Por isto, con motivo desta importante celebración, o voso centenario, vos convido a erixirvos nos seus maiores divulgadores e, sobre todo, en testemuñas: facer o Camiño, polo menos unha etapa, debería ser case unha materia troncal da nosa Comunidade”, afondou.
Difusión da literatura e a música tradicional galega
Así mesmo, Rodríguez Miranda, quen recibiu a insignia de ouro da entidade de mans do seu presidente, José Antonio Otero Hermida, resaltou o labor dun centro con máis de 200 socias e socios e unha intensa “actividade cultural”, entre a que sobresae o concurso literario Julio Camba, a Semana Cultural das Letras Galegas ou os cursos de gaita, contando o centro co seu propio grupo de gaitas, Airiños da Terra.
Ademais, os actos de conmemoración do centenario inclúen a inauguración da exposición Memoria Colectiva, unha mostra fundamentalmente fotográfica que amosa imaxes do paso polas súas instalacións de intelectuais galegas e galegos como Otero Pedrayo.
Novas relacionadas




