Feijóo subliña que a unión das 38 entidades galegas en Cuba permitirá redobrar os seus recursos e alcance para que o traballo sexa máis eficiente e se abra á poboación máis nova
Resalta que, pese á crise, Galicia mantivo as axudas ás e aos emigrantes como parte esencial da política social, e que este ano chegaron a 7.000 familias galegas en Cuba.
Salienta que a cooperación que deu orixe ás casas de galegos e galegas “volve ser o instrumento para que Galicia exista en Cuba”, a través dunha fusión de entidades que tamén se dá en Alemaña, en Venezuela, Arxentina e Cataluña.
Destaca que a unión permitirá “avivar o espírito de galeguidade” que representan as entidades no exterior ao facilitar a implicación plena da mocidade, a atracción cara á cultura galega das novas e dos novos cubanos que tomen a nacionalidade española e desenvolver a acción social de xeito máis eficaz e eficiente.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a unión de entidades galegas en Cuba permitirá redobrar os seus recursos e o seu alcance para que o traballo que desempeñan sexa máis eficiente e as súas portas se abran á poboación máis nova. O mandatario galego así o dixo no encontro que esta tarde mantivo cos presidentes e as presidentas das organizacións galegas na capital do país e coas e cos coordinadores da galeguidade nas provincias de Cuba, antes de presidir a sinatura, no Centro Galego da Habana, do acordo de unión entre 38 sociedades galegas municipais e parroquiais activas na Illa.
Feijóo cualificou este acordo como un paso adiante para “avivar o espírito da galeguidade” que representan as entidades galegas e “impulsalo cara aos novos tempos”. “Queremos –resaltou- que se convertan en auténticos foros de participación da cidadanía galega en Cuba. Queremos que, mediante a súa unión, redobren os seus recursos e o seu alcance para que o seu traballo sexa máis eficiente e se abra, especialmente, á poboación máis nova, aos descendentes dos nosos emigrantes na Illa”.
Na súa intervención, o titular da Xunta lembrou que foi a cooperación a que deu orixe ás casas galegas e aos distintos instrumentos de vinculación das e dos emigrantes coa súa terra de orixe e co seu novo destino, e resaltou que, agora, “a unidade segue a ser o instrumento para que Galicia exista en Cuba, cunha fusión de entidades que tamén se produce en Alemaña, en Venezuela, en Arxentina ou, xa en España, en Cataluña”.
O mandatario autonómico recoñeceu e agradeceu o esforzo das entidades para chegar a este acordo, do que dixo que servirá para “abrir a porta das nosas sociedades a unha participación máis plena, responsable e activa da xuventude cubano-galega” . “As entidades galegas no exterior deben ser reflexo da Galicia do século XXI e, tanto terra a dentro como na diáspora, os mozos teñen moito que dicir nese futuro que está por construír”, aseverou, para, a continuación, chamar á xente nova a unha implicación plena e comprometida, posto que ela é depositaria “do legado de galeguidade que a emigración estendeu por todo o mundo e nela está que non perda o seu eco”.
Segundo lembrou, os procesos de regulación ou adquisición da nacionalidade española teñen en Cuba a súa maior repercusión e, nese sentido, apuntou que “as sociedades galegas teñen ante si o reto de atraer a todos estes cidadáns á defensa da nosa lingua, da nosa cultura, das nosas tradicións e da nosa capacidade de innovar e de crear”.
Ademais, sinalou que o acordo de unión fai posible para as entidades galegas asimilar mecanismos “que lle permitan levar a cabo a súa impagable función de servizo social da forma máis eficaz e eficiente, tendo en conta que, nese sentido, a suma de esforzos sempre é axeitada”.
En palabras do presidente da Xunta, o sentido do acordo asinado hoxe pode resumirse no desexo de que “as entidades de emigrantes galegos funcionen de forma coordinada, xuntando esforzos e obxectivos” para que “a voz da diáspora se escoite máis alto”. “Son interlocutoras na emigración e, desde agora, poderán canalizar con maior eficacia as necesidades e as conseguintes axudas aos nosos emigrantes”, salientou.
Avance na protección social das persoas emigrantes
Alberto Núñez Feijóo destacou que as asociacións de galegos e galegas son “a referencia e o apoio ás nosas accións de atención social e cultural nas comunidades de emigrantes”, un terreo no que o Goberno galego quere continuar avanzando. Así lembrou que o pobo galego leva máis de tres décadas demostrando a súa solidariedade cos e coas residentes en Cuba, e subliñou que neste 2013 a Xunta asistiu a máis de 7.000 familias de galegos e galegas no país, mentres que, cada ano, 38.000 cidadás e cidadáns galego-cubanos aproximadamente reciben axudas da Administración autonómica.
“O Goberno da Xunta non entende unha política social plena se nela non integramos a aqueles que residen no exterior”, resaltou o titular do Executivo galego, quen explicou que, pese á crise Galicia mantivo sempre as axudas ás e aos emigrantes como parte esencial da súa política social.
Primeira xornada do presidente da Xunta en Cuba
O encontro de Alberto Núñez Feijóo cos presidentes e presidentas das entidades galegas na Habana e coas e cos coordinadores da galeguidade nas provincias de Cuba produciuse antes do acto de sinatura do acordo de unión entre 38 agrupacións de emigrantes na Habana. Ambos tiveron lugar na primeira xornada da viaxe do presidente da Xunta á Illa. Previamente, o mandatario autonómico presidiu a inauguración dun foro empresarial galego-cubano, que serviu para abrir a súa axenda na Illa, e mantivo un encontro de traballo co ministro de Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro da República de Cuba, Rodrigo Malmierca Díaz. Xa esta tarde (noite en Galicia), Feijóo ten previsto participar na presentación de dúas publicacións editadas no ano 2013 relacionadas cos vínculos galego-cubanos.
Novas relacionadas