Miranda agradece ás sociedades galegas de Cuba “a súa implicación e cooperación” para atender aos galegos e galegas da illa
O secretario xeral da Emigración visita a Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia en La Habana; a Sociedad Cultural Rosalía de Castro; e a Agrupación Artística Gallega, con motivo do seu centenario.
Asiste á conferencia “A presenza galega na Habana” na que participan Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro.
- O secretario xeral da Emigración, coa Agrupación Artística Gallega, que neste 2019 celebra o seu centenario
- O secretario xeral da Emigración, coa Agrupación Artística Gallega, que neste 2019 celebra o seu centenario
- O secretario xeral da Emigración, na conferencia 'A presenza galega na Habana'
- O secretario xeral da Emigración, na conferencia 'A presenza galega na Habana'
- O secretario xeral da Emigración, na visita á Sociedade Cultural Rosalía de Castro
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a aproveitar a súa estadía na Habana para reunirse con distintas sociedades da colectividade galega na illa. Así, Miranda mantivo diferentes encontros con representantes da Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia en La Habana, da Sociedad Cultura Rosalía de Castro, e da Agrupación Artística Gallega –que este ano celebra o seu centenario-, cos e coas que puido abordar tanto a situación da galeguidade como a coordinación dos programas de apoio da Xunta para atender aos galegos e galegas da illa.
Neste contexto, e durante a visita á Agrupación de Sociedades Representativas –entidade que suma case 10.000 persoas asociadas, das que o 60% son galegas- Rodríguez Miranda lembrou que a Secretaría Xeral da Emigración mantén un contacto permanente coas e cos representantes das entidades galegas en Cuba, froito do cal leva anos atendendo a situación das cidadás e os cidadáns galegos residentes na illa centroamericana.
“O benestar dos emigrantes e as súas familias en Cuba leva sendo unha prioridade para a Xunta de Galicia dende hai varias lexislaturas”, indicou o titular do departamento autonómico, quen sinalou que, precisamente para garantir as súas necesidades máis básicas, a Secretaría mantén abertas diferentes liñas de actuación que permiten cubrir as necesidades máis urxentes da meirande parte da poboación galega na illa, formada por máis de 40.000 persoas.
Miranda visitou tamén a Sociedade Cultural Rosalía de Castro acompañado polo seu presidente, Sergio Manuel Toledo Bueno. Esta entidade galega conta na actualidade con 471 socias e socios e destaca a súa labor de fomento de difusión da amizade e solidaridade entre os pobos de Cuba e Galicia.
O centenario da Artística Gallega
Así mesmo, o secretario xeral mantivo un encontro cos representantes da Agrupación Artística Gallega, que este ano celebra o seu centenario, configurándose como unha das máis antigas asociacións artístico culturais españolas en Cuba. Hoxe en día a Artística suma máis de 400 persoas asociadas, das que 260 son galegas, e segue a destacar pola súa actividade social, cultural e asistencial.
Berce de importantes artistas, a sociedade ten entre os seus obxectivos fundamentais “cultivar o arte e a cultura en todas as súas manifestacións, divulgando a raíz galega na identidade cultural cubana”. “Sen dúbida, falar da Artística Galega é falar de Cuba e de Galicia, dun século de orgullosa galeguidade poñendo en valor os fortes lazos que unen as nosas terras”, sinalou Miranda.
‘A presenza galega na Habana’
Durante a xornada, o titular do departamento autonómico asistiu tamén á Conferencia A presenza galega na Habana, que contou coa participación de Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro, e que permitiu afondar na historia da emigración galega na illa. Unha historia que se reflicte hoxe en día nos preto dos máis de 43.000 galegas e galegos que viven en Cuba, a maioría delas e deles, descendentes de emigrantes que naceron xa na illa.
“Como ben dixo Neira Vilas, sen o relato da diáspora, a nosa historia estaría mancada. Fai décadas, a emigración galega abriuse paso como un camiño cara unha vida mellor. E en moitos casos, ese camiño chegou a Cuba, facendo da Habana un dous lugares máis transcendentes do galeguismo. E nós nin podemos nin queremos esquecelo”, salientou Miranda.
Novas relacionadas