Feijóo salienta que xa está cumprido o 75% do obxectivo marcado para 2013 de lograr que 700 empresas estean exportando por primeira vez ao resto do mundo
O presidente da Xunta mantivo encontros empresariais en Río de Janeiro co fin de explorar novas vías de negocio para as empresas galegas e tamén para que o empresariado brasileiro “poña a Galicia no punto de mira dos seus investimentos en España e Europa”.
A día de hoxe, Galicia conta con 519 novas firmas que xa se iniciaron na exportación, o que fai que a comunidade presente o mellor saldo comercial dos últimos anos cifrado “en máis de 3.000 millóns de euros”.
Asegurou que a súa estadía no Brasil ten uns “obxectivos moi claros” que son “profundar nas exportacións e na internacionalización da economía galega”.
Destacou o enorme potencial dun país que é a sexta economía mundial e que concentra o 34% do PIB de todo o continente americano.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia xa está cumprindo co 75% do obxectivo marcado para 2013 de que 700 empresas galegas estean exportando por primeira vez ao resto do mundo. Segundo sinalou, a día de hoxe, “xa temos 519 empresas que o están facendo”, o que xustifica que a balanza comercial de Galicia “presente o mellor saldo dos últimos anos” cifrado en “máis de 3.000 millóns de euros”.
Na súa visita de dous días a Brasil, o mandatario galego centrou a xornada de hoxe a afondar nas relacións co empresariado da cidade de Río de Janeiro, con quen mantivo un encontro de traballo. A súa estadía neste país ten uns “obxectivos moi claros” que son “profundar nas exportacións e na internacionalización da economía galega”. Neste contexto, as relacións con Brasil son prioritarias xa que se trata dun mercado cunha enorme proxección económica e cun enorme potencial –concentra o 34% do PIB de todo o continente americano-. “Brasil é a sexta economía do mundo e estamos centrados neste país que –xunto con México- representan os dous grandes mercados para Galicia no que a Latinoamérica se refire”, sinalou o presidente Feijóo.
O responsable autonómico recalcou que a súa axenda no país está encamiñada “a abrirnos posibilidades neste xigante económico e poboacional” que concentra a 193 millóns de habitantes e que conta cunha colectividade “moi empresaliarizada” de 36.000 galegos e galegas “onde hai empresarios de recoñecido prestixio no sector da hostalaría”. Explicou que se está traballando en “novas vías e novas posibilidades de negocio” tanto para os empresarios galegos e galegas no Brasil como para que as e os empresarios brasileiros “poñan a Galicia como punto de mira dos seus investimentos en España e en Europa”.
Como xa ven facendo nos outros países da súa xira americana, a visita á Brasil ten unha axenda económica que en Río de Janeiro se concretou cun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos, e outra vertente de carácter institucional. Neste ámbito enmárcase a visita do presidente da Xunta á Sociedade de Recreio dos Ancianos para Asilo da Velhice Desamparada e á Sociedade Espanhola de Beneficencia Hospital Español. Antes de partir para Sâo Paulo (a capital financeira do país), o presidente da Xunta compartiu un xantar coa colectividade galega de Río de Janeiro.
Novas relacionadas