Feijóo celebrou o triunfo das galegas Támara Echegoyen e Sofía Toro no Match Race de Londres, primeira medalla olímpica para o deporte feminino galego

Resalta o seu “esforzo e traballo” para teren chegado ata este primeiro posto do podio co que “teñen acadado un lugar destacado na historia do deporte feminino galego e español”

O secretario xeral para o Deporte súmase a este recoñecemento e saúda que as regatistas galegas teñan conseguido este metal no seu debut olímpico

Esta é terceira medalla para o deporte galego nos Xogos Olímpicos de Londres 2012

Listen to this page using ReadSpeaker
13 de agosto de 2013.

Xunta de GaliciaO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou o pasado sábado o triunfo das deportistas galegas Támara Echegoyen e Sofía Toro que, xunto coa asturiana Ángela Pumariega, veñen de acadar a medalla de ouro na proba da clase Match Race feminino disputada na baía de Portland-Weymouth, nos Xogos Olímpicos de Londres, logo de vencer ao barco australiano por tres regatas a dous.

O mandatario galego transmitiu os seus parabéns ás tres regatistas e quixo poñer en valor o significado de teren conseguido a medalla de ouro, porque se trata, apuntou, da “primeira medalla olímpica que consegue o deporte feminino galego”. Feijóo resaltou o seu “esforzo e traballo” para teren chegado ata este primeiro posto do podio co que, subliñou, “teñen acadado un lugar destacado na historia do deporte feminino galego e español”.

A este recoñecemento tamén se sumou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que quixo felicitar ás deportistas por teren conseguido este metal no seu debut olímpico, “o que, se cabe -dixo-, outorga máis mérito a este xa de por si brillante resultado”. “A de hoxe é, sen lugar a dúbidas, unha xornada histórica para o deporte feminino galego”, sinalou o secretario xeral, quen quixo recordar tamén o diploma olímpico logrado por Teresa Portela.

Támara Echegoyen, natural de Ourense aínda que reside en Pontevedra desde pequena, foi tricampiona mundial e bicampiona europea na clase Vaurien. Sofía Toro, nacida en 1990 na Coruña, é a máis nova do equipo olímpico español de vela. As regatistas empezaron a adestrar con barcos do Centro Galego de Vela da Xunta de Galicia en Vilagarcía de Arousa.

918 lecturas