Feijóo constata o interese do presidente de Colombia nas capacidades do naval, da automoción e da aplicación das TIC na sanidade e na educación galega

O titular da Xunta finaliza a súa viaxe institucional cunha reunión con Juan Manuel Santos Calderón.

Destaca o interese da Empresa Colombiana de Petróleos e da Mariña por coñecer a capacidade instalada na Comunidade galega para a construción de barcos en ambos eidos.

No sector da automoción, salienta a disposición de establecer mecanismos de colaboración e de transferencia de pezas e de accesorios do automóbil.

Ambos os dous mandatarios avaliaron tamén o sector da alimentación, tanto o referido á pesca e á conserva, como ó sector vitivinícola e ó sector da carne: “Establecemos contactos para que as economías do sector agroalimentario e industria-mar galego e colombiano poidamos concretar necesidades mutuas e ver tamén posibilidades de exportación do sector galego a Colombia”, dixo Feijóo.

O titular da Xunta analizou con Santos a capacidade do sector TIC galego, tanto dos libros dixitais e dos seus contidos como dos aplicativos que o Sergas ten funcionando de historia clínica única e de farmacia, e que o Goberno colombiano quere implementar para o conxunto do país.

Antes da reunión co presidente de Colombia, Feijóo mantivo unha xuntanza co ministro de Tecnoloxías da Información e Comunicación co que tivo ocasión de abordar tamén a situación deste sector.

  • O titular da Xunta finaliza a súa viaxe institucional cunha reunión con Juan Manuel Santos Calderón
    O titular da Xunta finaliza a súa viaxe institucional cunha reunión con Juan Manuel Santos Calderón
  • O titular da Xunta finaliza a súa viaxe institucional cunha reunión con Juan Manuel Santos Calderón
    O titular da Xunta finaliza a súa viaxe institucional cunha reunión con Juan Manuel Santos Calderón
Listen to this page using ReadSpeaker
Bogotá (Colombia), 18 de febreiro de 2015.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe, durante unha reunión co presidente da República de Colombia, Juan Manuel Santos Calderón, o interese do país latinoamericano nas capacidades do naval, da automoción e da aplicación das TIC na sanidade e na educación galega.

“Durante a xuntanza falamos dos asuntos económicos nos que podemos colaborar Galicia e Colombia”, afirmou Feijóo, referíndose nun primeiro termo ao sector naval. E, nesta liña, destacou o interese da Empresa Colombiana de Petróleos e da Mariña por coñecer a capacidade instalada na Comunidade galega para a construción de barcos en ambos eidos.

“Relatámoslle ao presidente de Colombia o acordo que neste momento temos con Pemex, un contrato de 600 millóns que podemos replicar tamén para a industria do petróleo e a industria do gas no país; e quedamos, tal e como nos trasladou o presidente Santos, en ter un contacto coa administración da Mariña e coa industria do petróleo e do gas colombiana”, precisou o titular da Xunta.

Ao longo da reunión, ambos os dous mandatarios analizaron tamén o sector da automoción, “no que hai perspectivas importantes de investimento”, aseverou Feijóo.
Neste eido, e logo de lembrar a visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, á planta General Motors-Colmotores, Feijóo destacou a disposición de establecer mecanismos de colaboración e de transferencia de pezas e de accesorios do automóbil. Non en van, Galicia é un dos territorios de España no que traballan máis de 102 empresas, con 12.000 traballadoras e traballadores, facendo pezas para as distintas marcas construtoras de vehículos no mundo, “desde marcas xaponesas como Toyota ou Nissan, ata europeas como Volkswagen, Audi ou PSA-Peugeot Citröen, entre outras”.

Feijóo e Juan Manuel Santos avaliaron tamén o sector da alimentación, tanto o referido á pesca e á conserva, como ó sector vitivinícola e ó sector da carne –vacún, porco e ave-. “Establecemos contactos para que as economías do sector agroalimentario e industria-mar galego e colombiano poidamos concretar necesidades mutuas e ver tamén posibilidades de exportación do sector galego a Colombia”.

O turismo e as tecnoloxías foron outros asuntos tratados na xuntanza. “Falamos do turismo como unha das fontes de riqueza e, tamén, de tecnoloxía, tanto co ministro de Tecnoloxías da Información e Comunicación, que visitei esta mañá, como co presidente do país, con quen ampliamos a conversación”, aseverou.

Feijóo avaliou co presidente do país a capacidade do sector TIC galego e o obxectivo do Goberno colombiano de empregar a tecnoloxía como ferramenta para mellorar os servizos que presta o sector público, así como un recurso útil para mellorar a calidade educativa. “Falamos da industria da informática, das tecnoloxías da comunicación e da información, moi especialmente da informática educativa e da informática sanitaria. Tanto dos libros dixitais e dos seus contidos como dos aplicativos que temos funcionando de historia clínica única e de farmacia, aplicativos que no Servizo galego de Saúde están funcionando desde fai xa algúns anos e que o Goberno colombiano quere implementar para o conxunto do seu país”.

O responsable do Executivo galego concluíu a súa intervención cualificando o encontro de moi satisfactorio, “tanto pola atención como polas portas que abriron ao sector naval, ao sector agroalimentario, ao sector das tecnoloxías da información, ao sector do turismo e ao sector das enerxías renovables”. “Foi unha audiencia, a segunda que teño co presidente Santos, para concretar e consolidar a nosa relación en materia de exportacións que, nos últimos tres anos, creceron un 50% entre Galicia e Colombia e que estamos convencidos teñen un enorme percorrido para os próximos anos”.

1073 lecturas