Feijóo destaca que o maior garante da estabilidade para unha comunidade ou para un país é poder salvagardar, desde a responsabilidade institucional, os servizos públicos

O secretario xeral da Emigración, xunto co titular da Xunta e outras autoridades galegas e vascas, participou esta tarde no acto de celebración do 60 aniversario da fundación do Centro Galego en Álava. 

Feijóo salienta que xunto con Canarias, País Vasco e Galicia foron as tres únicas comunidades que cumpriron o seu obxectivo de déficit público. 

 Afirma que “coa estabilidade institucional fomos capaces de atravesar unha das peores crises económicas das últimas décadas e soubemos poñer rumbo ao crecemento”; e incide en que é agora cando debemos defender e procurar con maior intensidade esa mesma estabilidade que nos fixo progresar como país. 

Destaca o traballo dos centros galegos e di que “é a través do labor e da presenza deles que entendemos a pluralidade desta casa común que é España. E entendemos, pola súa vez, o significado da igualdade entre o conxunto de rexións e nacionalidades que compoñen o mapa do Estado”.

  • O titular da Xunta participou no acto de celebración do 60 aniversario da fundación do Centro Galego en Álava
    O titular da Xunta participou no acto de celebración do 60 aniversario da fundación do Centro Galego en Álava
  • O titular da Xunta participou no acto de celebración do 60 aniversario da fundación do Centro Galego en Álava
    O titular da Xunta participou no acto de celebración do 60 aniversario da fundación do Centro Galego en Álava
Listen to this page using ReadSpeaker
Vitoria-Gasteiz (Álava), 14 de abril de 2016.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que non pode haber maior garante da estabilidade para unha comunidade ou para un país que poder salvagardar, desde a responsabilidade institucional, os seus servizos públicos. “E, esa debe ser a senda a seguir”, aseverou, logo de lembrar que Galicia e País Vasco, xunto con Canarias, foron as tres únicas comunidades que cumpriron o seu obxectivo de déficit público. 

Así mesmo, afirmou que “coa estabilidade institucional fomos capaces de atravesar unha das peores crises económicas das últimas décadas e soubemos poñer rumbo ao crecemento”; ao que engadiu que “romper con esa estabilidade significaría retroceder nos nosos pasos e frear os avances conseguidos ata o momento”.

Nesta liña, e durante o acto de celebración do 60 Aniversario da Fundación do Centro Galego en Álava, o titular da Xunta incidiu en que é agora cando debemos defender e procurar con maior intensidade esa mesma estabilidade que nos fixo progresar como país. 

No tocante ao Centro Galego en Álava, Feijóo lembrou que este é tan só un dos 16 centros galegos e casas de Galicia que os emigrantes galegos e galegas fundaron en diversas localidades vascas -Vitoria, Bilbao, Eibar, Ermua, Barakaldo, San Sebastián, Ondarroa, Lloido, Santurce...-, e subliñou que todos eles son lugares nos que as asociacións de galegas e galegos reveláronse como verdadeiros canles de diálogo e integración, “porque desde cada un deles –dixo- transmitimos a mensaxe de que o apego á terra de orixe non está rifado co cariño á terra de acollida”.

Así mesmo, subliñou que o traballo desenvolvido desde estas asociacións foi encamiñado a exaltar a cultura propia buscando compartila no novo contexto vital, e buscando a súa integración no ámbito sociocultural, político e económico do lugar de destino. “É a través do labor e da presenza destes centros que entendemos a pluralidade desta casa común que é España. E entendemos, pola súa vez, o significado da igualdade entre o conxunto de rexións e nacionalidades que compoñen o mapa do Estado”, concluíu.

687 lecturas