Feijóo pon a experiencia das e dos emprendedores galegos en Cataluña como exemplo de integración e de como as identidades e culturas se complementan e enriquecen

Destaca que Cataluña acolle na actualidade máis de 76.300 galegos e galegas e que, “ao igual que fixemos en cada lugar onde nos asentamos, tamén aquí traballamos e convivimos respectando e aprendendo os valores singulares desta sociedade”.

“Os galegos afincados nesta terra non están en Cataluña, séntense e son Cataluña”, afirma, lembrando que alá onde queira que vaian os galegos e as galegas “sempre tendemos pontes e nos amosamos dispostos a ampliar espazos e a compartir identidades”.

“A Cataluña real é un exemplo de integración e de que identidades e culturas se complementan e se enriquecen”, asevera.

Resalta a achega das galegas e dos galegos na construción “dunha sociedade catalá emprendedora, puxante e aberta” e subliña o papel dos emprendedores e empresarios para “asentar e acrecentar” a imaxe de Galicia nesta terra.

Lembra que a Lei da Galeguidade, aprobada o pasado ano, incorpora no seu articulado a importancia das comunidades galegas no exterior para a proxección e para a internacionalización da economía de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 4 de xullo de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a experiencia das e dos emprendedores galegos en Cataluña como exemplo de integración e de como as identidades e culturas se complementan e enriquecen. Así o salientou durante o acto de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2014, que concede a Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña, AEGA-CAT. Unha entidade, dixo, “de referencia” para o tecido empresarial galego en Cataluña, que engloba máis de 500 empresas de diversos sectores, e que “exemplifica e promove” os lazos que unen Galicia e Cataluña, converténdose nun espazo de achegamento que pon de relevo a vixencia e a fortaleza dos vínculos forxados entre ambos os dous pobos.

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico referiuse á longa presenza galega en Cataluña, como proba o feito de que o segundo centro galego máis antigo do mundo se atope situado en Barcelona. Unha Comunidade que, segundo lembrou, acolle na actualidade máis de 76.300 galegos e galegas. “Galegos -dixo-, que ao igual que fixemos en cada lugar onde nos asentamos, tamén aquí traballamos e convivimos respectando e aprendendo os valores singulares desta sociedade”.

“Os galegos afincados nesta terra non están en Cataluña, séntense e son Cataluña”, afirmou Feijóo, incidindo en que “alá onde queira que vaiamos sempre tendemos pontes e nos amosamos dispostos a ampliar espazos e a compartir identidades”. “Hoxe Galicia está en Cataluña e galegos e cataláns atopámonos compartindo casa común”, sinalou, lembrando que ninguén borrou a idiosincrasia, a diversidade e o ser e sentirse galegos ou galegas, ao igual que tampouco ninguén nos tratou “como estraños ou alleos, senón como iguais” nesta terra. Por iso, aseverou, “a Cataluña real é un exemplo de integración e de que identidades e culturas se complementan e se enriquecen”.

O titular da Xunta resaltou a capacidade que teñen os galegos e as galegas de “desafiar a cartografía do país”, de facer unha Galicia máis grande “que supera fronteiras políticas e rompe barreiras xeográficas” e de tecer unha “tupida malla que nos permite acumular culturas e patrias”, unha capacidade, indicou, que “coñecen ben en Cataluña”. “Ao igual que saben, mellor ca ninguén -engadiu-, que a porosidade do noso carácter nos levou a edificar esa outra Galicia en cada punto do atlas que poboamos, fraguando unha perfecta unión coas xentes e lugares que nos reciben”.

O papel das asociacións de empresariado galego no exterior
O presidente da Xunta resaltou, ademais, o labor das e dos emprendedores e empresarias e empresarios galegos en Cataluña para “asentar e acrecentar” a imaxe de Galicia nesta Comunidade e amosar as fortalezas dos galegos e as galegas como o esforzo, a dedicación, o dinamismo, a determinación, a seguridade ou a creatividade. Sinais de identidade que, segundo destacou Feijóo, “foron especialmente recoñecidas” polas xentes de Cataluña, por canto “nós tamén achegamos o noso gran de area na construción dunha sociedade catalá emprendedora, puxante e aberta”.

“As asociacións de empresarios galegos no exterior sempre foron un piar fundamental da galeguidade, un dos recursos máis valiosos cos que conta Galicia para divulgar e impulsar a súa economía e a súa produtividade de cara ao exterior”, asegurou Feijóo. A este respecto, lembrou que a Lei da Galeguidade, aprobada o pasado ano, “abre un novo espazo de relación” ao incorporar no seu articulado a importancia das comunidades galegas no exterior para a proxección e para a internacionalización da economía de Galicia.

Os galardoados, expoñentes do galeguismo do século XXI
O presidente da Xunta rematou a súa intervención aludindo aos galardoados esta noite cos Títulos de Excelencia Galega 2014, cos que se distinguiron, no apartado de Ciencias, ao neurólogo Pablo Villoslada Díaz; ao xornalista Luis del Olmo, no apartado de Comunicación; en Ciencias Políticas ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; ao escultor Francisco Leiro, no eido das Artes; no campo dos Deportes a Alejandro Blanco Bravo; e no apartado de Empresa, a Roberto Tojeiro Rodríguez.

Feijóo salientou que son “seis expoñentes do galeguismo do século XXI”, un galeguismo, subliñou “que se fai presente en persoas que, como as aquí distinguidas, fan Galicia día a día, traballando desde as súas distintas responsabilidades e facetas da vida profesional”. O mandatario autonómico felicitou aos galardoados “por enriquecer e acrecentar o prestixio de Galicia, facendo dela una Comunidade máis plural e aberta, unha terra máis universal”; e á Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña por apostar polo “galeguismo empresarial” e por “sustentar ese anhelo permanente de abrir novos horizontes sobre a base da cooperación e o entendemento”, concluíu.

802 lecturas