Feijóo afonda co presidente de Colombia nas posibilidades de colaboración entre Galicia e o país suramericano en materia de pesca, infraestruturas e naval

O presidente da Xunta reuniuse co presidente colombiano, Juan Manuel Santos.

Adianta que o Goberno colombiano ten en marcha un investimento que supera os 40.000 millóns de dólares no ámbito das infraestruturas viarias, portuarias e aeroportuarias e que lle trasladou ao presidente “o interese por que empresas galegas, españolas e colombianas poidan facer xuntos proxectos” nesta materia.

Avanza que durante o encontro tamén se concretou “o interese mutuo” de Galicia e Colombia nos estaleiros e de “ser útiles e poder construír, con transferencia tecnolóxica, barcos co noso país irmán, con Colombia”.

Lembra que Galicia é a primeira rexión de Europa en materia pesqueira e salienta que se ten iniciado unha “senda de colaboración” nesta materia co Goberno colombiano.

“Xa hai 60 empresas galegas que están traballando en Colombia, xa abrimos unha oficina para que máis empresas galegas poidan ser útiles ás empresas colombianas e iniciamos unha axenda que, sen dúbida, pode ser moi produtiva para Galicia e para España, e espero que tamén o sexa para Colombia”, asegura.

O ministro de Comercio colombiano confía en que cando entre en vigor o acordo de libre comercio coa UE, asinado o pasado 28 de xuño, “poderemos comezar a facer realidade moitas destas iniciativas de cooperación, de crecemento e de fortalecemento comercial entre España e Colombia”.

Adianta que, con motivo da celebración do Cumio de Cádiz, farán “todo o posible para levar empresarios colombianos a Galicia, comezar a fomentar o intercambio comercial entre os dous países e entre a comunidade autónoma de Galicia e Colombia”.

  • O presidente da Xunta reuniuse co presidente colombiano, Juan Manuel Santos.
    O presidente da Xunta reuniuse co presidente colombiano, Juan Manuel Santos.
  • O presidente da Xunta reuniuse co presidente colombiano, Juan Manuel Santos.
    O presidente da Xunta reuniuse co presidente colombiano, Juan Manuel Santos.
Listen to this page using ReadSpeaker
18 de xullo de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, apostaron por afondar e avanzar nas posibilidades de colaboración entre o país suramericano e a comunidade galega nos sectores pesqueiro, naval e das infraestruturas. Así o acordaron tras manter un encontro en Bogotá, no que tamén participou o ministro de Comercio, Industria e Turismo de Colombia e responsables doutros departamentos ministeriais do goberno colombiano.

Segundo destacou o presidente galego tras o encontro, Colombia “non soamente é un país irmán, senón que é un gran país: un gran país en poboación, un gran país en extensión superficial e un gran país desde o punto de vista económico, cun crecemento continuado da economía colombiana que o sinala como un dos grandes países para o intercambio económico, industrial e de infraestruturas entre España e Colombia e, neste caso, entre Galicia e Colombia”. Por iso, engadiu, “viñemos coñecer de primeira man as oportunidades deste gran país e atopámonos cun país en pleno crecemento económico, en plena expansión económica e cun país co que temos moitas cousas en común”.

Entre elas, referiuse ao sector das infraestruturas e lembrou que “Galicia é un gran país desde o punto de vista das infraestruturas”, posto que é “montañoso e cunhas características xeográficas difíciles”. A este respecto salientou que o Goberno colombiano ten en marcha unha iniciativa cun investimento que supera os 40.000 millóns de dólares no ámbito das infraestruturas viarias, portuarias e aeroportuarias e que durante a reunión co presidente Santos “lle transmitimos ao Goberno, ao seu presidente e ao seu ministro o interese por que empresas galegas, empresas españolas e empresas colombianas poidan facer xuntos proxectos en infraestruturas”. “Neste momento –abondou-, xa hai dúas empresas galegas que acaban de ser adxudicatarias de proxectos de enxeñaría para posteriormente executar obras de interese para o Goberno e para a nación colombiana”.

Así mesmo, Feijóo avanzou que no encontro tamén se concretou “o interese mutuo” de Galicia e Colombia nos estaleiros. “Estaleiros de todo tipo, estaleiros non soamente para confeccionar barcos de pesca, tamén para barcos de axuda ás instalacións petrolíferas, tamén barcos da armada”, asegurou o mandatario galego, lembrando que hai estaleiros en Galicia que veñen construíndo barcos desde o século XVII, que “acabamos de asinar un acordo estratéxico con Petróleos Mexicanos” e que “tamén estamos iniciando un contacto coa empresa de petróleos de Brasil, a través de Repsol”. “Temos, en consecuencia, un interese enorme por ser útiles e poder construír, con transferencia tecnolóxica, barcos co noso país irmán, con Colombia”, asegurou Feijóo ao respecto.

Ademais, o presidente galego e o presidente colombiano abordaron o interese común pola pesca. “Galicia é a primeira rexión de Europa en pesca, tanto en pesca de baixura como en pesca de altura, así como en conserva e acuicultura, e temos iniciado aí unha senda de colaboración”, subliñou Feijóo.

“En definitiva –engadiu o mandatario galego-, abrimos unha axenda, abrimos unha carta de presentación de Galicia ao Goberno colombiano e quero trasladarlle o afecto que o presidente trasladou e o interese que o ministro, o presidente e o seu equipo trasladaron para poder concretar unha axenda de investimentos e unha axenda de colaboración leal e fraternal do Goberno de Colombia con Galicia e, por suposto, unha vez ao lado de Galicia, ao lado de España”, aseverou.

“Xa hai 60 empresas galegas que están traballando en Colombia, xa abrimos unha oficina para que máis empresas galegas poidan ser útiles ás empresas colombianas e iniciamos unha axenda que, sen dúbida, pode ser moi produtiva para Galicia e para España e espero que tamén o sexa para Colombia”, concluíu Feijóo ao respecto.

Por último, o titular da Xunta aproveitou a ocasión para trasladarlle ao presidente Juan Manuel Santos o “afectuoso saúdo” do presidente de España, Mariano Rajoy, que estivo recentemente en Colombia “e que espera ao Goberno colombiano no próximo Cumio de Cádiz, que se celebrará no mes de novembro en España”.

Fortalecemento comercial entre España e Colombia
Pola súa parte, o ministro de Comercio, Industria e Turismo de Colombia, Sergio Díaz-Granados, explicou na súa comparecencia ante os medios tras a reunión, que o pasado 28 de xuño Colombia asinou o acordo de libre comercio coa UE, acordo que espera estea vixente en 2013 e co que, dixo, “poderemos comezar a facer realidade moitas destas iniciativas de cooperación, de crecemento e de fortalecemento comercial entre España e Colombia”.

Respecto á súa próxima presenza en España, no mes de novembro, cando se celebre o Cumio de Cádiz, o ministro avanzou que “faremos todo o posible para levar empresarios colombianos a Galicia, comezar a fomentar o intercambio comercial entre os dous países e entre a comunidade autónoma de Galicia e Colombia”.

Peche da viaxe institucional
Coa reunión co presidente de Colombia, Feijóo pechou a súa viaxe institucional que tamén o levou a Uruguai, Arxentina e Brasil, e que estivo marcada pola potenciación da internacionalización das empresas galegas e por establecer novos vínculos e colaboracións estratéxicas en distintos eidos económicos, fundamentalmente o naval.

1129 lecturas