Feijóo chama a seguir o exemplo de Luis González Tosar e traballar por Galicia “cunha obra fecunda e activa” que solucione os nosos problemas e “enriqueza coa nosa diversidade o máis afastado”

O xefe do Goberno galego preside en Lugo a entrega do premio Puro Cora ao escritor e presidente do Pen Club de Galicia.

Salienta que os medios de comunicación axudan a configurar a base social da autonomía e “colaboran na difusión de referentes que fan que Galicia se sinta orgullosa de si mesma.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamou o pasado venres a seguir o exemplo de Luis González Tosar traballando por Galicia “cunha obra fecunda e activa, que dea solucións aos nosos problemas propios, e que enriqueza –coa nosa diversidade- o máis afastado”. O xefe do Goberno galego presidiu este pasado venres en Lugo a entrega do premio Puro Cora ao escritor e presidente do PEN Club de Galicia, a quen definiu como “poeta brillante, con luz propia” e preocupado “por achegarnos a realidade da diáspora”, como mostra no artigo Indianos que o fixo merecedor do galardón.

Para Feijóo, González Tosar “pertence a esa xínea de xornalistas, escritores e artistas que, nados aquí ou acolá, tanto destacaron nos círculos culturais de Buenos Aires e Montevideo, A Habana, México ou Nova York”, como tamén o fixeron Luis Seoane, Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Rafael Dieste, Manuel Curros Enríquez, Blanco Amor ou Lorenzo Varela.

“Máis ca escritores, máis ca activistas, son homes e mulleres que mantiveron e manteñen viva a unidade do país e que representan por calquera lugar do mundo os valores que nos caracterizan como pobo”, manifestou o presidente da Xunta, engadindo que o galego é un pobo “moderno e cosmopolita”, “abnegado e traballador”, amais de “comprometido con outros e consigo mesmo”.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou que Luis González Tosar se caracteriza “por defender as súas posicións con firmeza” e se expresa “con claridade e paixón”, ao tempo que mostra un “respecto constante” polas posturas contrarias, “a prol do punto común e da concordia leal”. Referiuse tamén ao acerto co que dirixe o PEN Club de Galicia “para promover a nosa lingua e a nosa literatura e relacionala con outras”.

Alberto Núñez Feijóo animou ao diario El Progreso a seguir “atopando nomes senlleiros que nos guíen a todos”, tendo en conta que os medios de comunicación “non só axudan a configurar a base social da autonomía”, senón que tamén “colaboran na difusión de referentes que fan que Galicia se sinta orgullosa de si mesma”. Nese sentido, o presidente da Xunta animou ao xornal a continuar como “voceiro do palpitar da provincia luguesa e voceiro do palpitar de Galicia”, amosándonos “que a nosa terra ten presente e ten futuro”.

1268 lecturas