Feijóo agradece a man tendida do presidente Mujica para emprender novos proxectos comúns que permitirán revalidar o éxito que a colaboración pasada supuxo para Galicia e Uruguai

O presidente da Xunta e o mandatario uruguaio inauguran en Santiago de Compostela a praza do Uruguai e o busto de José Gervasio Artigas, en correspondencia á praza de Galicia de Montevideo, que acolle unha figura de Rosalía de Castro.

Subliña que Uruguai volve contar con Galicia como aliado estratéxico para consolidar o seu puxante desenvolvemento e Galicia volve atopar abertas as portas de Uruguai para desenvolver un potencial económico que precisa do exterior para superar a crise.

"A ponte que tenderon os nosos antepasados segue aberta ao tráfico. E aínda que o escenario é moi distinto ao que propiciou a súa construción, ambos, Galicia e Uruguai, seguimos necesitando dos seus servizos", asegura.

Resalta que Rosalía e Artigas loitaron desde trincheiras moi distintas pola liberdade e a dignidade e por iso os galegos e os uruguaios podemos identificarnos con ambos.

  • O presidente da Xunta, o alcalde de Santiago e o presidente do Uruguai na inauguración da praza. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta, o alcalde de Santiago e o presidente do Uruguai na inauguración da praza. Foto: Xoán Crespo
  • O presidente da Xunta, o alcalde de Santiago e o presidente do Uruguai na inauguración da praza. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta, o alcalde de Santiago e o presidente do Uruguai na inauguración da praza. Foto: Xoán Crespo
  • O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
  • O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
  • O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
  • O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
    O presidente da Xunta e o presidente do Uruguai na inauguración da praza e do busto de Artigas. Foto: Xoán Crespo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe a man tendida do presidente José Mujica para emprender novos proxectos comúns que permitirán revalidar o éxito que a colaboración pasada supuxo para Galicia e para Uruguai. O mandatario galego e o presidente da República Oriental do Uruguai inauguraron hoxe en Santiago de Compostela a praza dedicada ao país sudamericano e o busto do seu prócer, José Gervasio Artigas.

Nese acto, o titular da Xunta subliñou que, unha vez máis, Galicia encontra abertas as portas de Uruguai "para desenvolver un potencial industrial e comercial que choca aquí cos obstáculos dunha dura crise económica e que precisa dos mercados exteriores para superala". Do mesmo xeito, engadiu, que Uruguai volve contar con Galicia como "aliado estratéxico para desenvolver o puxante crecemento no que está inmerso".

Na súa intervención, o presidente autonómico remarcou que os galegos e as galegas que emigraron a América construíron "unha ponte invisible pero de sólidos piares que cruza o Atlántico de beira a beira", polo que circularon durante décadas oportunidades económicas, cultura, educación, arte, en definitiva, dixo "esperanza e progreso para esta terra". "Por esa ponte”, abondou, “cruzou o espírito da galeguidade, mantívose e tornouse universal".

Segundo lembrou, os galegos e as galegas contaron nesa empresa coa axuda “dos habitantes dos seus novos destinos”, ás e aos que definiu como “xentes xenerosas e hospitalarias que os trataron como iguais e lles abriron de par en par as portas do seu continente”. Nese marco, salientou que “a aventura desesperada dos nosos compatriotas atopou en Uruguai o territorio idóneo para desenvolverse”, e resaltou que a acollida que ese país dispensou aos nosos e as nosas emigrantes entraña unha “lección cívica” que segue vixente nos nosos días.

“Moito antes de que se teorizara sobre a globalización, uruguaios e galegos demostraron con feitos o que significa sumar. Protagonizaron unha integración harmónica que contribuíu ao desenvolvemento de ambas beiras do océano e abriu unha vía para canalizar a necesidade de Europa e América de relacionarse”, manifestou Feijóo.

O presidente da Xunta destacou que “a ponte que tenderon os nosos antepasados segue aberta ao tráfico. E aínda que o escenario é moi distinto ao que propiciou a súa construción, ambos, Galicia e Uruguai, seguimos necesitando os seus servizos”.

Historia, cultura e símbolos compartidos
Avogou o titular do Goberno galego por reivindicar a importancia histórica dos lazos que unen Galicia e Uruguai a través de símbolos que a inmortalicen. A ese respecto, expresou a súa satisfacción por poder contar coa presenza do presidente José Mujica para inaugurar a praza de Uruguai en Santiago, “para corresponder desde a capital galega a aquel xeneroso agasallo de Montevideo aos nosos emigrantes”, que foi a praza de Galicia inaugurada polo presidente Manuel Fraga na capital uruguaia no ano 2002.

Alberto Núñez Feijoo afirmou que Santiago de Compostela, “secularmente configurada como punto de encontro no que conflúen os camiños de Europa, quere ser tamén unha casa para América en, en especial, para Uruguai”. Pero apuntou que esta praza é tamén para os galegos e as galegas, do mesmo xeito que a praza de Galicia de Montevideo é dos uruguaios e uruguaias. “Somos pobos irmáns que compartimos pasado, presente e futuro. Compartimos historia, compartimos cultura e compartimos, tamén, os símbolos”, dixo.

Subliñou que Rosalía de Castro e José Gervasio Artigas “contribuíron a desvelar o código que cifra as nosas identidades”, e representan a loita, desde distintas trincheiras, pola liberdade e pola dignidade, polo que os galegos e as galegas poden sentirse identificados con ambos. “Sumamos pois ao prócer uruguaio aos nosos referentes e asumimos o exemplo dos valores que representa”, concluíu o titular da Xunta.
 

1191 lecturas