Unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia abrirá as súas portas esta semana en Bos Aires e Montevideo

A mostra, titulada “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia" dá continuidade á que se organizou para conmemorar o 40 aniversario da Cámara, comisariada por Ramón Villares.

Será inaugurada o martes 12 de decembro en Buenos Aires e o venres 15 en Montevideo coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A mostra inaugúrase hoxe, martes 12 de decembro, en Bos Aires e o venres 15 en Montevideo
A mostra inaugúrase hoxe, martes 12 de decembro, en Bos Aires e o venres 15 en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023.

Unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia recalará esta semana en Buenos Aires e Montevideo, dúas das capitais da diáspora galega, respondendo a cadansúa invitación cursada ao Lexislativo autonómico.

A exposición titúlase El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia e está integrada por gran parte dos materiais da mostra O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021, organizada para conmemorar as catro primeiras décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.

En Bos Aires, a exposición será inaugurada o martes 12 de decembro, ás 18:30 h, no Centro Galicia. En Montevideo, a inauguración está prevista para o venres 15 de decembro, na sede do Poder Lexislativo da República Oriental do Uruguai. A delegación galega que participará nas inauguracións estará integrada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo comisario da mostra, Ramón Villares.

A mostra orixinal permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro de 2021  e o 15 de marzo de 2022, para iniciar despois un percorrido polas principais cidades galegas, ademais de visitar Madrid e Lisboa. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Materiais
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia. A necesidade de  duplicar os materiais que integran a mostra -que estará aberta de maneira simultánea nas dúas capitais- e o estado delicado de algúns documentos que se amosaron inicialmente, aconsellou encargar copias dos mesmos en lugar de amosar algúns dos orixinais.

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar copias da Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou do mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

115 lecturas