Unha empresa de Melide dota de acceso a Internet todo o Camiño
Intermax ofrece cobertura ata nas zonas consideradas de sombra.
Acceder a Internet dende calquera lugar do Camiño Francés por máis recóndito que o converta a orografía da comunidade xa é posible. A firma Intermax, con sede en Melide, concluíu estes días, nas proximidades de Santiago, a instalación dos equipos necesarios para dotar de cobertura de acceso a Internet de banda ancha todo o territorio polo discorre o Camiño Francés. A firma despregou a infraestrutura en cada un dos concellos polos que discorre a ruta xacobea máis transitada, dende Pedrafita do Cebreiro ata a capital galega, pasando por As Nogais, Triacastela, Samos, Sarria, O Páramo, Paradela, Portomarín, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Arzúa e O Pino.
Os equipos, segundo indican dende a empresa melidense que dirixe o mozo Javier Mouriño, instaláronse en puntos estratéxicos, de maneira que o sinal garante a cobertura de acceso á Rede nas, ata o momento, localizadas como zonas de sombra. «Isto é posible ao utilizar unha tecnoloxía pioneira de alimentación eléctrica», «mediante un método mixto, solar e eólico», explican dende Intermax. O servizo é de especial utilidade para os negocios vinculados ao turismo que deixa o Camiño de Santiago. Responsables de albergues, restaurantes, hoteis, locais de hostalaría, casas rurais e outros establecementos a miúdo frecuentados por peregrinos non terán que desprazarse a outros lugares nos que poder conectarse a Internet para realizar tarefas tan necesarias no seu traballo diario como dar de alta os seus hóspedes.
Dende a súa constitución hai catro anos, Intermax centrou a súa actividade en dotar de cobertura de Internet de banda ancha á zona rural de Galicia, onde as dificultades de acceso á Rede sempre foron maiores que nas áreas urbanas por falta de infraestrutura. Ao ser esa a súa especialidade, a empresa traballa agora nun proxecto para despregar a súa infraestrutura a máis de 11.000 núcleos de poboación que carecen do servizo na comunidade. A proposta presentarase a un concurso convocado pola Xunta para estender Internet de banda ancha á zona rural.
Fonte: La Voz de Galicia
Novas relacionadas



