Puntogal presenta a candidatura para que Galicia teña un dominio propio en internet
O dominio galego axilizaría a busca de información neste idioma e provocaría que se publicasen máis webs nesta lingua.
Os beneficios reinvestiríanse en cultura galega.
A Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números (Icann) abriu onte un novo período para que as cidades, territorios ou organizacións que o desexen soliciten ter un dominio propio en internet. A Asociación Puntogal, co apoio da Secretaría xeral de Modernización da Xunta, presentará a súa candidatura co obxectivo de facer realidade o.gal, algo que "situaría o galego ao máximo nivel e que repercutiría no seu prestixio internacional", segundo indican dende esta organización, que conta co apoio de 109 entidades, entre elas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura...) e educativas (as tres universidades galegas).
Dende Puntogal aseguran que lograr un dominio propio para Galicia só ten vantaxes. "Encontrar e ordenar información en galego será moito máis doado, por exemplo, á hora de buscar algo en Google. Isto provocará que se publiquen máis páxinas en galego e que máis empresas de fóra fagan versións das súas webs nesta lingua", indican dende esta entidade, onde aseguran que o.gal tamén terá beneficios económicos para Galicia. "Cando rexistras un.net ou.com, a maior parte do diñeiro vai para Verising, unha empresa estadounidense. Co dominio galego, o diñeiro das vendas quedaría en Galicia e como Puntogal é unha iniciativa sen ánimo de lucro, os beneficios destinaranse a fomentar a lingua e cultura galega nas nova tecnoloxías", indica o presidente de Puntogal, Manuel González.
As e os promotores do dominio galego basean as súas predicións no caso do .cat, único dominio lingüístico posto en marcha polo momento. Tal e como se ve co acontecido en Cataluña, ter un identificador propio favorece a publicación de contidos nesa lingua, indica González e engade: "Só en cinco anos, Puntocat rexistro máis de 51.000 dominios, o que permite que o dominio para a lingua e a cultura catalá se autofinancie,".
As e os interesados en presentar a súa candidatura a un dominio teñen, dende onte, tres meses para facelo. Puntogal ultima os informes que deben presentar á Icann, quen esixe uns criterios "moi exhaustivos". "Hai que demostrar que se ten capacidade técnica para xestionar un dominio, a capacidade económica para facelo e que hai soporte social da comunidade que se di representar. Ademais, en ocasións, tamén é necesario o apoio explícito das administracións, sosteñen dende esta organización.
Puntogal é unha asociación sen ánimo de lucro e por iso, dende o seu nacemento no ano 2006, conta co apoio e o financiamento da secretaría xeral de Modernización da Xunta. "A Xunta comprometeuse a financiar a candidatura e a dar soporte aos custos asociados á presentación da solicitude", indica o presidente desta asociación.
Os apoios ao dominio chegan dende numerosos ámbitos. Ao cultural, institucional e educativo únese o dos e das emigrantes. A iniciativa conta co apoio de vinte asociacións de emigrantes de dez países (Portugal, Francia, Suíza, Bélxica, Estados Unidos, Brasil ou Arxentina, entre outros) xa que un dos obxectivos do .gal será "servir de vínculo entre a poboación emigrante".
Ademais, todos os cidadáns e as cidadás interesados en apoiar a creación dun dominio en internet para a lingua e cultura galegas poden facelo a través dunha firma en liña a través da web www.puntogal.org. Ata o momento un total de 12.370 cidadáns de todo o mundo mostrou o seu apoio ao .gal.
Unha vez finalice o prazo de presentación de candidaturas, a Icann analizará un a un cada dominio proposto nun "complexo exame" que non verá o seu veredicto ata doce ou dezaoito meses despois. No caso de ser aceptado pola Icann sen necesidade de presentar información ou estudos complementarios, o dominio.gal poderá comezar a utilizarse a partir de mediados de 2013.
Malia que Puntogal persegue o obxectivo de conseguir o segundo dominio lingüístico en internet, a súa directiva recoñece que non é tarefa sinxela. "A avaliación é moi severa. Medios especializados prevén que só unha terceira parte dos candidatos supere o exame", indican dende esta asociación, onde tamén recoñecen "non" ter noticias de que se vaia presentar ningunha outra candidatura a dominio a nivel galego.
Fonte: La Opinión de A Coruña | Foto: La Opinión de A Coruña
Novas relacionadas



