Emigración recorda ás entidades galegas de España e Europa o remate do prazo de presentación das solicitudes de “Reencontros co Xacobeo”

Esta iniciativa, que está destinada ás e aos maiores de 65 anos, permitiralles coñecer o patrimonio cultural e natural das zonas polas que realicen o Camiño de Santiago e as actividades de balneario no lugar no que se aloxen.

O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 16 deste mes.

O prazo de solicitude remata o vindeiro luns, 16 de agosto. Foto: Turismo de Galicia
O prazo de solicitude remata o vindeiro luns, 16 de agosto. Foto: Turismo de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración lembra ás entidades galegas de España e Europa o remate do prazo de presentación  do  programa deste departamento autonómico denominado “Reencontros co Xacobeo”. O luns 16 será o último día no que se poderán presentar solicitudes.

Este programa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas maiores de 65 anos vinculadas a estes centros do exterior.

Esta iniciativa permitirá, tralo parón provocado pola pandemia, volver a por en marcha os programas de achegamento a Galicia dos galegos e galegas do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo, e limitando a participación ao continente europeo por mor da aplicación do control das medidas sanitarias marcadas pola covid-19.

A presentación de solicitudes realízase a través das entidades galegas do exterior das diferentes comunidades autónomas e de Europa inscritas no Rexistro da Galeguidade. En total, ofrécense ata 150 prazas para que galegas e galegos do exterior maiores de 65 anos poidan coñecer o patrimonio cultural e natural das respectivas zonas polas que vaian pasando a través do Camiño así como tamén realizar actividades de balneario no lugar de aloxamento. 

Estas actividades realizaranas na primeira semana de outubro as persoas procedentes de Europa e na segunda as de España.  

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.
  
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 16 de agosto. Máis información nesta ligazón

556 lecturas