Emigración informa ás entidades galegas de España e Europa sobre o programa “Reencontros co Xacobeo”

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou aos centros galegos esta iniciativa que está destinada aos maiores de 65 anos que poderán coñecer o patrimonio cultural e natural das zonas polas que realicen o Camiño de Santiago e as actividades de balneario no lugar no que se aloxen.

A selección das persoas participantes, ata un total de 150, realizarse a través das propias entidades galegas.

O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 16 deste mes.

Antonio Rodríguez Miranda, durante o webinario informativo coas entidades galegas
Antonio Rodríguez Miranda, durante o webinario informativo coas entidades galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto co subdirector Antonio Casas e o técnico Jesús Lobo, mantiveron unha reunión telemática coas entidades galegas de España e o resto de Europa co obxectivo de informarlles acerca do novo programa deste departamento autonómico denominado Reencontros co Xacobeo e que ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas maiores de 65 anos vinculadas a estes centros do exterior.

Deste xeito, vólvense a por en marcha os programas de achegamento a Galicia dos galegos e galegas do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo, e limitando a participación ao continente europeo por mor da aplicación do control das medidas sanitarias marcadas pola pandemia da covid-19.

Este programa realízase a través das entidades galegas do exterior das diferentes comunidades autónomas de España e de Europa inscritas no Rexistro da Galeguidade, facilitando que ata 150 galegas e galegos do exterior maiores de 65 anos poidan coñecer o patrimonio cultural e natural das respectivas zonas polas que vaian pasando a través do Camiño así como tamén realizar actividades de balneario no lugar de aloxamento. 

Estas actividades realizaranse na primeira semana de outubro as persoas procedentes de Europa e na segunda as de España.  

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.
  
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 16 de agosto. Máis información nesta ligazón.

816 lecturas