Emigración recibiu case 140 solicitudes de axuda de entidades galegas do exterior para a realización de obras e adquisición de equipamentos
A maioría das solicitudes corresponden a centros galegos noutras comunidades autónomas, Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai.
Este programa conta cun orzamento de 575.000 euros e permitirá, como novidade, a adquisición de aplicacións informáticas de xestión integral.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda destacou hoxe que este departamento recibiu case 140 solicitudes de entidades galegas do exterior para a realización de obras e adquisición de equipamentos dentro da liña de 2021 que rematou o pasado 1 de marzo.
Este programa conta cun crédito orzamentario de 575.000 euros e este ano, como novidade, puidéronse acoller á mesma tódalas entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, centros de estudo e cultura galega, así como federacións de entidades e redes sociais.
Deste xeito, a maioría das solicitudes presentadas corresponden a centros galegos situados noutras comunidades autónomas, así como en Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai. Moitas das demandas céntranse en reparacións, habilitacións e reforma dos interiores e exteriores dos centros, así como á compra de equipamento diverso.
Ademais, nesta convocatoria a Secretaría Xeral da Emigración inclúe tamén unha nova liña de axudas para que as entidades poidan adquirir aplicacións informáticas integrais de xestión para a súa dixitalización, facilitando así, por unha banda, a relación coa administración en relación á presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, o que permitirá que teñan actualizada toda a súa documentación.
O obxectivo desta liña de axudas tamén foi colaborar coas entidades para a súa adecuación á actual época de pandemia. Deste xeito, moitos dos centros adquiriron material informático para facilitar a conexión on line, mobiliario específico, termómetros dixitais, equipos médicos e materiais de protección contra a covid.
Os demandantes puideron solicitar ata o 80% do investimento total para para obras, reforma de instalacións, conservación do patrimonio cultural e mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
Novas relacionadas