Emigración concedeu 149 subvencións para a realización de obras e adquisición de equipamentos de entidades galegas do exterior

A maioría das solicitudes corresponden a centros galegos noutras comunidades autónomas, Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai.

Este programa conta cun orzamento de 575.000 euros e permitirá, como novidade, a adquisición de aplicacións informáticas de xestión integral. 

Nesta convocatoria a SXE inclúe unha nova liña de axudas para que as entidades poidan adquirir aplicacións informáticas integrais de xestión
Nesta convocatoria a SXE inclúe unha nova liña de axudas para que as entidades poidan adquirir aplicacións informáticas integrais de xestión
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda destacou hoxe que este departamento aprobou a concesión de 149 solicitudes de entidades galegas do exterior para a realización de obras e adquisición de equipamentos dentro desta liña de axudas para o presente ano.

Este programa conta cun crédito orzamentario de 575.000 euros, e en 2021, como novidade, puidéronse acoller á mesma tódalas entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, centros de estudo e cultura galega, así como federacións de entidades e redes sociais.

Deste xeito, a maioría das solicitudes presentadas corresponden a centros galegos situados noutras comunidades autónomas, así como en Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai. Moitas das demandas céntranse en reparacións, habilitacións e reforma dos interiores e exteriores dos centros, así como a compra de equipamento diverso.  

Ademais, nesta convocatoria a Secretaría Xeral da Emigración inclúe tamén unha nova liña de axudas para que as entidades poidan adquirir aplicacións informáticas integrais de xestión para a súa dixitalización, facilitando así por unha banda, a relación coa administración en relación a presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, o que permitirá que teñan actualizada toda a súa documentación.

O obxectivo desta liña de axudas tamén foi colaborar coas entidades para a súa adecuación á actual época de pandemia. Deste xeito,  moitos dos centros adquiriron material informático para facilitar a conexión on line, mobiliario específico, termómetros dixitais, equipos médicos e materiais de protección contra a covid. 

Os demandantes puideron solicitar ata o 80% do investimento total para obras, reforma de instalacións, conservación do patrimonio cultural e mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

782 lecturas