Emigración recibe ás e aos primeiros participantes no programa Conecta con Galicia
Este programa, que se desenvolverá no albergue de Gandarío este verán, ten como obxectivo facilitar á mocidade galega do exterior o contacto coa realidade da Galicia actual.
Responsables da Secretaría Xeral da Emigración recibiron esta mañá no aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro ao primeiro grupo de participantes do programa Conecta con Galicia que se volve desenvolver tras tres anos de suspensión por mor da pandemia.
Este programa, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, permitirá que persoas nadas en Galicia ou descendentes de emigrantes galegas e galegos de 16 e 17 anos volvan ter contacto coa realidade galega e o encontro coas e cos seus familiares, supoñendo para moitas e moitos deles a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
‘Conecta con Galicia’ desenvolverase no albergue xuvenil de Gandarío en dúas quendas de 30 participantes cada unha: entre o 15 e o 28 de xullo e entre o 29 de xullo e o 11 de agosto. Nestas instalacións realizarán diferentes actividades lúdicas e deportivas, así como participarán en visitas culturais e tamén poderán coñecer empresas punteiras situadas en diversos lugares de Galicia.
Novas relacionadas





