Emigración mantén a súa colaboración coas entidades galegas de Venezuela para o mantemento das súas oficinas sociais
Esta axuda ten como obxectivo contribuír a achegar información e asistencia aos galegos e galegas residentes neste país sobre os programas e liñas de axudas da Xunta de Galicia.
A Secretaría Xeral da Emigración ratificou a súa colaboración coas entidades galegas de Venezuela para o mantemento das súas oficinas sociais de asesoramento aos galegos e galegas residentes neste país caribeño, de cara a continuar a aportar os datos necesarios a quen desexa retornar a Galicia ou solicitar algunha axuda de carácter social ou económico.
En total, destínanse este ano 76.000 euros para estas oficinas de información coas que contan a Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Gallego de Maracaibo, a Hermandad Gallega de Valencia e o Centro Gallego de Puerto La Cruz e que permiten achegar asistencia e información sobre os programas e liñas de axudas que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta ás e aos galegos do exterior, así como as relativas ao retorno a Galicia.
En Venezuela residen, na actualidade, 30.260 cidadás e cidadáns galegos que forman parte do total de case 136.200 persoas que conforman a colectividade española deste país.
Novas relacionadas