Emigración leva ao Uruguai a campaña de presentación da nova Estratexia Galicia Retorna 2026, que aposta fortemente polo ámbito laboral

O secretario xeral da Emigración, xunto á delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, explicaron no Centro Gallego de Montevideo as liñas básicas deste documento, integrado por un cento de iniciativas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegas e galegos do exterior.

Xunto a Antonio Rodríguez Miranda, representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines expuxeron os detalles do novidoso programa Retorna Emprego.

O Goberno galego destinará a este obxectivo, que incide en catro áreas principais (asesoramento, eido social, educativo e laboral), máis de 450 millóns de euros durante os próximos catro anos. 

  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
Presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 no Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 10 de febreiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, levou onte á capital uruguaia a campaña de presentación da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, dirixida á colectividade galega e que apenas unhas horas antes se expuxera no seu primeiro destino, o Club Español de Bos Aires. Ante máis de 200 persoas, o secretario xeral explicou esta nova ferramenta nun acto celebrado á última hora da tarde no Centro Gallego de Montevideo acompañado da delegada Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez.

A nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 da Xunta de Galicia, duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, pioneira en España e aprobada en 2018. Á capital uruguaia viaxaron tamén representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar o novidoso programa Retorna Emprego. No Uruguai residen máis de 40.000 dos 529.000 galegos e galegas do exterior.

Partindo da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, a Estratexia Galicia Retorna ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 retornadas e retornados nos próximos 4 anos, tanto emigrantes como as e os seus descendentes.

O secretario xeral da Emigración explicou que a Estratexia Galicia Retorna dá continuidade ao documento aprobado en 2018, o primeiro en España en abordar dun xeito integral o retorno. Cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto, o dobre ca anterior, “persegue facer de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior”. Para acadar este reto, a Estratexia incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

Retorna Emprego
Segundo adiantou Antonio Rodríguez Miranda, a nova Estratexia conta cun importante protagonismo do eido laboral, porque “o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias”. 

Unha das máis importantes é o programa Retorna Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais das e dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

As e os representantes das dúas fundacións encargadas de xestionar este programa expuxeron os detalles desta novidosa medida, que permitirá aos seus beneficiarios e beneficiarias volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración mínima de 12 meses e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade. 

Vivenda e autoemprego
Ademais, e entre outras liñas de actuacións, traballarase en proporcionar instrumentos de atracción profesional, así como a súa incorporación ao mercado laboral a través de incentivos específicos. Tamén se potenciarán as plataformas creadas para a xestión integral da información de interese e o asesoramento técnico; intensificarase o apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego, en especial no rural; facilitarase o acceso a unha primeira vivenda a través de novas iniciativas para retornadas e retornados ou a incorporación desta figura a programas de axuda xa activas, como o bono de Aluguer Social.

As diferentes medidas incluídas neste documento buscan intensificar os esforzos para mellorar os resultados do retorno, sempre tendo en conta que a realidade social galega sitúa a Galicia entre as comunidades con maior volume de persoas que apostan por volver á terra de orixe.

449 lecturas