Emigración lembra que segue aberto o prazo para solicitar o programa “Reencontros con Galicia” para galegas e galegos do exterior residentes en América

Ofértanse 119 prazas para galegas e galegos do exterior maiores de 65 anos, co obxectivo de facilitar o seu contacto coa realidade galega e cos seus e as súas familiares en Galicia.

As e os interesados teñen ata o 31 de agosto para presentar a súa solicitude.

Esta iniciativa volve poñerse en marcha en colaboración coa Consellería de Política Social.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración lembra que segue aberto o prazo para solicitar a participación no programa “Reencontros con Galicia” que ofrece 119 prazas para persoas maiores de 65 anos residentes en América, co obxectivo de facilitar a estas persoas o contacto coa realidade galega e o encontro coas e cos seus familiares a mediados do mes de outubro.

Esta iniciativa ten por finalidade facilitar ás persoas maiores da Galicia exterior un periodo de estancia na residencia dependente da Consellería de Política Social en Panxón (Nigrán) de xeito que poidan achegarse ata a realidade galega e gozar de actividades de ocio e entretemento, potenciando, á vez, o contacto coas súas familias residentes en Galicia. 

Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse no 2021 e 2022 centrado no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das e dos participantes mediante o financiamento dos custos desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos do regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos en Galicia e do seu aloxamento e manutención das persoas con escasos recursos económicos.  

As e os solicitantes deben ter cumpridos os 65 anos e non poden ter participado nos últimos cinco anos nos programas de viaxes organizados pola Secretaría Xeral da Emigración.  

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto. Máis información nesta ligazón.

438 lecturas