Emigración convoca o programa “Reencontros con Galicia” para 200 galegas e galegos do exterior para que coñezan a realidade galega e o encontro cos seus familiares
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación das persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas en América no programa “Reencontros con Galicia”, que ofrece 200 prazas co obxectivo de facilitar a estas persoas o contacto coa realidade galega e o encontro coas e cos seus familiares a mediados do mes de outubro.
Esta iniciativa ten por finalidade facilitar ás persoas maiores da Galicia exterior un período de estancia na residencia dependente da Consellería de Política Social e Igualdade en Panxón (Nigrán) de xeito que poidan achegarse ata a realidade galega e gozar de actividades de ocio e entretemento, potenciando, á vez, o contacto coas súas familias residentes en Galicia.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das e dos participantes mediante o financiamento dos custos desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos do regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos en Galicia e do seu aloxamento e manutención das persoas con escasos recursos económicos.
As e os solicitantes deben ter cumpridos os 65 anos e non poden ter participado nos últimos cinco anos nos programas de viaxes organizados pola Secretaría Xeral da Emigración.
O prazo de presentación de solicitudes, que se abre hoxe, será ata o 5 de xullo.
Novas relacionadas




