Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e semimarios de cultura galega. Ano 2021

Listen to this page using ReadSpeaker
1394 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Orde da convocatoria: 
Resolución do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e semimarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se procede a súa convocatoria para o ano 2021.
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
05.07.2021
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:
A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegas e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

Destinatarias:
Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores, Federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.

Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se encontren en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.

Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos adecuados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Modalidades convocadas:

  • Obradoiros de baile.
  • Obradoiros de gaita.
  • Obradoiros de percusión.
  • Obradoiros de pandeireta e canto.
  • Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).
  • Obradoiros de cociña galega.
  • Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

Características do programa:
As entidades poderán solicitar a formación e xornadas na modalidade presencial ou como aula virtual (obradoiros virtuais de formación).

Os centros deberán optar por unha ou outra modalidade na solicitude de participación mais, se debido a causas de forza maior orixinadas pola pandemia da COVID-19 e debidamente acreditadas, non se puidese realizar un obradoiro presencial, a Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar que o obradoiro pase a realizarse na modalidade virtual, sempre e cando esta circunstancia se comunique cunha antelación mínima de 45 días ao día previsto para o inicio do obradoiro e na comunicación se xustifique que a entidade posúa capacidade de organizalo de forma virtual.

Na modalidade presencial os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

En ambas modalidades o profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para elaborar as listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para inscribir as persoas candidatas (DOG núm. 37, do 21 de febreiro).

Non poderá ser designado o mesmo profesorado para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade solicitante.

A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispor de persoas formadoras nas listas e para desenvolver os obradoiros de cociña ou artesanais e os seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor un/ha profesor/a para que imparta o correspondente curso sempre que estea incluído/a nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade solicitante de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.

Para poder solicitar a organización destes obradoiros, deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, de grupos ou escolas da modalidade ou modalidades solicitadas.

Solicitudes e documentación:

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: Sede electrónica da Xunta de Galicia

 


A.- Entidades con sede social en España
As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

B.- Entidades con sede social no estranxeiro
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por calquera dos seguintes procedementos:

1. En soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.
No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Enderezo ao que deben enviarse:

Secretaría Xeral da Emigración
Praza Mazarelos, nº 15
15703 Santiago de Compostela.

Tamén poden presentarse nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

2. Por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como ANEXO I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, cos mesmos requisitos esixidos no apartado 1 para as entidades con sede social en España.

As solicitudes ou a documentación que se presente por Correo Electrónico non terá validez para os efectos da constancia de presentación nin de cumprimento de prazos.

Contacto e información:
Secretaría Xeral da Emigración. Servizo de Programas Socio-Asistenciais
Teléfono: 981 957 353
Correo electrónico: accion.social.emigracion@xunta.gal

Prazo de presentación das solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
05.08.2021