Emigración incrementa as axudas destinadas a obras e adquisición de equipamentos para as entidades galegas do exterior ata chegar aos 635.000 euros

A convocatoria deste ano distribúese en dous programas, un destinado a obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio, outro para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable e tamén o de carácter cultural.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o próximo 5 de marzo.

Foto de arquivo do Centro Gallego de México
Foto de arquivo do Centro Gallego de México
Programas 2024 de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos dos centros galegos no exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024.

O Diario Oficial  de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas para as entidades galegas do exterior que contará cun crédito orzamentario de 635.000 euros e que se destinará á conservación do patrimonio, mellora de equipamentos e reforma das instalacións.

Pódense acoller a esta liña de axudas todas as entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, centros de estudo e difusión da cultura galega.

A convocatoria distribúese en dous programas, un destinado a obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio, e outro para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable e cultural, que inclúe aplicacións informáticas de xestión para a súa dixitalización, facilitando así por unha banda, a relación coa Administración en relación á presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, o que permitirá que teñan actualizada toda a súa documentación. 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, ata o próximo 5 de marzo, e as entidades poderán solicitar ata o 80% do investimento total. 

Desde a Secretaría Xeral da Emigración enfatizan a importancia de continuar apoiando e colaborando coas nosas entidades. Recordan que o obxectivo de asegurar que teñan os recursos necesarios non só para o seu funcionamento, senón tamén para manter infraestruturas adecuadas que faciliten a mellor atención aos galegos e galegas residentes no estranxeiro.

296 lecturas