Emigración destina 575.000 euros ás axudas destinadas a obras e adquisición de equipamentos para as entidades galegas do exterior
A convocatoria deste ano distribúese en dous programas, un destinado a obras e conservación do patrimonio, e outro para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o próximo 28 de febreiro.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas para as entidades galegas do exterior que contará cun crédito orzamentario de 575.000 euros e que se destinará á conservación do patrimonio, mellora de equipamentos e reforma das instalacións.
Pódense acoller a esta liña de axudas todas as entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, e centros de estudo e cultura galega.
A convocatoria distribúese en dous programas, un destinado a obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio, e outro para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable, que inclúe aplicacións informáticas de xestión para a súa dixitalización, facilitando así por unha banda, a relación coa Administración en relación Á presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, o que permitirá que teñan actualizada toda a súa documentación.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, ata o próximo 28 de febreiro, e as entidades poderán solicitar ata o 80% do investimento total. En concreto, as entidades demandantes poderán solicitar axudas para obras, reforma de instalacións, conservación do patrimonio cultural e mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
O secretario xeral da Emigración, Rodríguez Miranda, destacou que “ao igual que en anos pasados, mantemos o apoio e a colaboración coas nosas entidades para que, poidan continuar a contar cos recursos suficientes para garantir non só o seu funcionamento senón tamén cunhas instalacións axeitadas que permitan dar a mellor atención aos nosos galegos do exterior”.
Os centros interesados poden tamén informarse a través desta ligazón.
Novas relacionadas