Emigración facilita a consolidación en Galicia de máis de 100 novos negocios anuais de emigrantes retornadas e retornados a través do Programa Merlo
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral deste departamento, destacou o éxito da anterior convocatoria de mentorización.
Este programa ten como obxectivo apoiar e asesorar, a través da colaboración coa Fundación Ronsel, ás e aos emprendedores galegos que regresan e poñen en marcha un negocio de cara a que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social na comunidade.
O 60% das persoas beneficiarias do proxecto este ano son mulleres e o 75% do total teñen entre 30 e 49 anos.
A Secretaría Xeral da Emigración mantén aberta a convocatoria da liña de Axudas ao Retorno Emprendedor cun orzamento dun millón de euros.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe, no hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela, ao encontro organizado pola Fundación Ronsel para poñer en contacto ás emprendedoras e emprendedores galegos retornados participantes no Programa Merlo e ás e aos seus mentores, cos que traballarán ao longo deste ano para potenciar as súas iniciativas empresariais.
Preto de medio centenar de persoas asistiron a este networking que forma parte do Programa Merlo de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos xurdido da colaboración o ano pasado entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel.
Este programa ofrece mentorización, e por tanto, apoio e asesoramento, ás e aos emprendedores galegos retornados de cara ao apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, co obxectivo de que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.
Estas e estes mentores realizan un servizo de acompañamento que reforza as habilidades e fortalezas das e dos emprendedores de cara a potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio e garantindo a súa permanencia en Galicia.
Das 104 persoas inscritas no programa para este ano, o 60% son mulleres e o 75% do total teñen entre 20 e 49 anos. Proceden de 21 países diferentes e os seus negocios atópanse inmersos en tipoloxías de proxectos de todo tipo, dende enxeñarías pasando por Industria 4.0, negocios en liña ou hostalaría.
Tal e como destacou Antonio Rodríguez Miranda, o éxito da primeira convocatoria “levou a continuar a colaboración coa Fundación Ronsel, e este ano cubríronse completamente o número de prazas ofertadas, chegando así ao centenar de empresarios tutelados. Isto vén demostrar que se trata dunha moi boa experiencia que cumpre coa súa finalidade”.
A Secretaría Xeral da Emigración mantén nestes intres aberta a súa liña de axudas para o apoio ao retorno emprendedor, cun orzamento dun millón de euros. Dende 2017 destináronse a este fin tres millóns de euros, con máis de 500 proxectos apoiados que permitiron unha mobilización de 25 millóns de euros na economía galega.
Novas relacionadas