Miranda saúda ás e aos case 100 emprendedores retornados que iniciaron o Programa Merlo de mentorización da man da Fundación Ronsel

O secretario xeral da Emigración participou nas xornadas en liña que desenvolveu a entidade e que teñen como obxectivo aportar as ferramentas necesarias para que estas e estes empresarios retornados poñan en marcha iniciativas con proxección de futuro.  

  • O secretario xeral da Emigración participou na sesión inaugural en liña do Programa Merlo
    O secretario xeral da Emigración participou na sesión inaugural en liña do Programa Merlo
  • O secretario xeral da Emigración participou na sesión inaugural en liña do Programa Merlo
    O secretario xeral da Emigración participou na sesión inaugural en liña do Programa Merlo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu ás sesións iniciais do Programa Merlo que desenvolve, de xeito telemático, a Fundación Ronsel e que teñen como obxectivo aportar as ferramentas necesarias ás galegas e galegos retornados que están a apostar por crear as súas empresas en Galicia. Deste xeito, búscase que estas iniciativas empresariais conten con proxección de futuro.

Co Programa Merlo, a Secretaría Xeral, en colaboración coa Fundación Ronsel, busca  dar o maior apoio posible a estes novos empresarios e empresarias para consolidar os seus negocios na comunidade autónoma galega. Tras estas primeiras sesións, continuaranse a desenvolver xornadas formativas centradas en aspectos como o márketing, a transformación dixital, a xestión e dirección de empresa, a comunicación, as vendas ou a potenciación de marcas.

Este programa ofrece mentoras e mentores a case un centenar de emprendedoras e emprendedores galegos retornados de cara ao apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, tal e como indica o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

A figura do mentor ou mentora axuda a reforzar as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia. 

A Fundación Ronsel ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría.

408 lecturas