Emigración recorda que mañá finaliza o prazo de inscrición para o programa “Merlo” de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos retornados

O obxectivo desta iniciativa, que chega así á súa segunda edición, é apoiar e acompañar ás galegas e galegos retornados no desenvolvemento e consolidación dos seus emprendementos.

O programa xurde da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel.

O prazo de inscrición neste programa remata mañá, 13 de abril
O prazo de inscrición neste programa remata mañá, 13 de abril
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022.

O programa “Merlo” de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos retornados pecha mañá, mércores 13, o prazo de inscrición para aquelas e aqueles interesados en participar nesta iniciativa que a Fundación Ronsel pon en marcha co apoio da Secretaría Xeral da Emigración.  

Este programa ofrece mentoras e mentores ás e aos emprendedores galegos retornados de cara a o apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, tal e como indica o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer un servizo de acompañamento por medio dunha figura dunha ou dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia. 

As e os interesados poden apuntarse e obter máis información a través da seguinte ligazón: https://programamerlo.gal.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as galegas e galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.

400 lecturas