Emigración entrega os diplomas de tres cursos de formación para inmigrantes en Santiago

Trátase de iniciativas relacionadas coa Hostalaría, sufragadas pola Secretaría xeral e desenvolvidas por Cehosga e a Asociación de Centros Homologados.

O subdirector da Inmigración e do Retorno, Antonio Aguarón, presidirá o acto oficial de entrega das acreditacións ao alumnado.

Listen to this page using ReadSpeaker

Hoxe martes ten lugar o acto de entrega dos diplomas acreditativos correspondentes aos cursos de ‘Camareira/o en establecementos hostaleiros’, ‘Cociña’ e ‘Camareiro/a’, desenvolvidos en Santiago nos pasados meses. Trátase de tres novas iniciativas sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración dentro da liña de accións que axuden á integración social e laboral dos inmigrantes, desenvolvidas en colaboración con entidades sociais.

Os dous primeiros foron impartidos pola Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia (Cehosga); e o terceiro por Academia Postal, membro da A.C.H. (Asociación de Centros Homologados). Cada un dos cursos contou con quince alumnase alumnos, nos que predominaba unha idade entre 30 e 40 anos.

A entrega de diplomas terá lugar ás 11:00 da mañá, no caso dos cursos de Cehosga, na propia sede da entidade (Rúa San Lázaro, 97), e ás 12:00 do mediodía no caso da A.C.H. (Academia Postal en Santiago de Chile, 17). O subdirector xeral da Inmigración e do Retorno, Antonio Aguarón, será o encargado de facer entrega dos diplomas.

Duración e contidos
O curso de ‘Camareira/o en establecementos hostaleiros’ foi realizado por 11 mulleres e 4 homes, 5 deles procedentes de Colombia, 2 de Cuba, e cadanseu alumno/a de Brasil, Ecuador, Italia, Nicaragua, Nixeria, Paraguai, Uruguai e Romanía. O curso contou con 60 horas prácticas e 40 teóricas, nas que o alumnado aprendeu sobre arranxo de habitacións e zonas comúns; limpeza e posta a punto de habitacións, zonas comúns, mobiliario e elementos decorativos; atención á clientela en operacións de limpeza; técnicas de procura de emprego; e prácticas profesionais non laborais.

O curso de ‘Cociña’ foi realizado por 4 mulleres e 11 homes, 5 deles procedentes de Colombia, 2 de Cuba e 2 de Brasil, e cadanseu de Ecuador, Nicaragua, Nixeria, Paraguai, Uruguai e Romanía. O curso contou con 80 horas prácticas e 70 teóricas, nas que o alumnado aprendeu sobre manipulación de alimentos; elaboracións elementais; pratos combinados e aperitivos; técnicas de procura de emprego; e prácticas profesionais non laborais.

Finalmente, o curso da A.C.H., o de ‘Camareira/o’, foi realizado por 9 mulleres e 6 homes, dos cales 6 proceden de Colombia, outros 4 de España (emigrantes retornados), 2 de Venezuela, e cadanseu de Brasil, Arxentina e Portugal. O curso contou con 60 horas prácticas e 40 teóricas, nas que o alumnado aprendeu sobre manipulación de alimentos; elaboracións elementais; pratos combinados e aperitivos; técnicas de procura de emprego; e prácticas profesionais non laborais.

Unha iniciativa renovada
Estes cursos están sufragados con partidas orzamentarias da Secretaría Xeral da Emigración cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e a semana pasada o DOG publicaba unha nova relación de 47 cursos que se desenvolverán grazas a eles, iniciativa da que se beneficiarán máis de 700 alumnas e alumnos.

A Secretaría Xeral tivo sempre presente, á hora de decidirse polos proxectos a subvencionar, o interese da iniciativa candidata, e a compensación coas vilas e comarcas con meirande presenza, porcentual e global, de poboación inmigrante e retornada, así como a demanda real do mercado laboral. Tódalas organizacións beneficiarias teñen e terán, por descontado, que acreditar documentalmente as accións formativas pertinentes para cobraren as axudas oficiais.

1142 lecturas